Como cada ano, a Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, organizou unha nova sesión interactiva sobre «O perfil da Psicoloxía do Traballo e das Organizacións», dirixida ao alumnado de terceiro curso do Grao en Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Nesta ocasión, que recuperou a presencialidade, foi impartida por Ignacio Villegas Losada (G-6382), Consultor de Recursos Humanos en EGA Consultores. Baixo o título «Da USC á empresa”, fixo unha breve retrospectiva sobre as decisións que lle levaron a cursar os estudos en Psicoloxía, a especializarse no ámbito dos Recursos Humanos e a traballar na prestación de servizo de consultoría. O debate posterior estivo centrado nas demandadas do mercado de traballo actual e tamén nalgunhas recomendacións básicas para a procura de emprego.

O obxectivo desta iniciativa é achegar o mundo da empresa ao estudantado. A través do relatorio de profesionais de diferentes áreas en diferentes organizacións abórdanse, entre outros aspectos, as principais funcións e tarefas que desenvolven as psicólogas e os psicólogos do traballo no seu día a día.

Spread the love