«Non sabía eu que o Colexio de Psicoloxía organizara estas actividades», «O COPG tiña que pronunciarse sobre este asunto», «Que lástima que non me enterase antes de que o Colexio Oficial de Psicoloxía…». Cada vez que escoitamos frases similares, pensamos que hai algo que necesitamos mellorar na nosa comunicación.

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é un colexio profesional dunha extraordinaria vitalidade. Cada ano, mantemos máis dun cento de xuntanzas dos distintos órganos colexiais: xunta de goberno, seccións, grupos de traballo, comisións… Ademais, organizamos moitas formacións para os propios colexiados e colexiadas, pero tamén promovemos actividades para divulgar a psicoloxía entre a sociedade. Ademais, temos un importante traballo de incidencia social, tanto cos poderes públicos como cos axentes sociais.

Accións todas elas encamiñadas a outorgar o papel que lle corresponde á psicoloxía na sociedade, a defender a accesibilidade á atención psicolóxica e a denunciar as pseudociencias que tanto poñen en risco a nosa saúde.

En cambio, non sempre sabemos contalo ben. Así que despois de dedicarlle un tempo a reflexionar sobre como contalo mellor, decidimos transformar o principal recurso comunicativo do COPG, a Circular Informativo, nunha publicación netamente dixital, desaparecendo o formato periódico en PDF. Agora a Circular Informativa, con 287 números de historia, muda para aproveitar todas as posibilidades que ofrece a linguaxe multimedia, para axilizar a comunicación actualizándose permanentemente, para facilitar a súa lectura nas pantallas e sobre todo, nos dispositivos móbiles.

Toda a actividade colexial ten que ser mellor contada, así que poñemos ao servizo da profesión e da sociedade a nova Circular Informativa.

Spread the love