Galicia vive os maiores incendios da súa historia. Non é un feito menor nunha terra marcada polas cicatrices dos lumes cada verán, con importantes perdas humanas, patrimoniais e medioambientais. No COPG unímonos á dor compartida na nosa Comunidade polo terrible impacto que están deixando os incendios, con miles de hectáreas arrasadas, vivendas queimadas, gando, e a fauna salvaxe e a vexetación calcinada.

O lume formou parte da cultura rural da nosa terra, era unha ferramenta máis na agricultura. No entanto, o cambio climático unido á substitución dos usos do monte e a replantación con especies pirófitas, especialmente o piñeiro, parecen explicar esta catástrofe natural e humana. As imaxes das aldeas de Vilar e da Veiga do Cascallar, arrasadas nos lumes do Courel e de Valdeorras, conmociónannos e dan boa mostra da magnitude devastadora dos lumes, que permanecerá doente durante moito tempo polo brutal cambio que supón esa paisaxe calcinada.

A rabia e a frustración, a impotencia que trasladaban os veciños e veciñas, que seguiamos a través dos medios de comunicación, é totalmente comprensible. Se ben a prioridade é salvar as vidas humanas, é razoable comprender o enfado das persoas desaloxadas, porque o natural é a vontade de protexer as súas casas, os seus animais, os seus bens, as súas lembranzas. Esa inacción forzosa neste tipo de situacións resulta revitimizadora, dado que provoca unha sensación de indefensión por non ter permitido axudar que engade máis dor a este momento de gran sufrimento.

O aspecto psicolóxico neste tipo de catástrofes é importantísimo e debe ser coidado, tanto durante a emerxencia como a posteriori. É evidente que as perdas materiais e emocionais, en moitos casos, van ser irreparables, pero a iso temos que engadir que ese cambio tan brutal na contorna no futuro vai continuar afectando ás persoas. Por iso é importante que se contemple a atención psicolóxica desta poboación dentro das medidas de reparación do dano. Máis aínda nun rural no que a accesibilidade aos recursos é máis dificultosa. a devastadora. Non só a necesitamos porque nos acubilla, senón que é un lugar seguro para nós, tanto física como psicoloxicamente. De feito, cando xogamos a pillar, de cativos, dicimos “casa” como espazo de seguridade no que non nos poden apañar, onde estamos protexidos de todo. A perda do fogar é a perda dos nosos cimentos, da nosa propia identidade.

Parte desa reparación é tamén a toma de medidas para que isto non volva acontecer. Os lumes non son unha maldición, cómpre previr os incendios e coidar do rural, un modo de vida que non podemos condenar á extinción. Todo o noso afecto e solidariedade para as persoas que están sufrindo máis directamente esta vaga de lumes, devastadora e terrible.

Spread the love