A nova Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia tomou posesión dos seus cargos coa intención de dar continuidade ao labor iniciado no anterior mandato, especialmente na defensa da accesibilidade á atención psicolóxica, así como á promoción dos diversos ámbitos de intervención e a loita contra o intrusismo.
O novo equipo combinará continuidade e renovación, co obxectivo de reforzar a defensa da profesión, promover a accesibilidade á atención psicolóxica, impulsar a formación continua e combater o intrusismo profesional. Entre as súas liñas estratéxicas figuran tamén o fortalecemento da participación da colexiación, a promoción da igualdade e do benestar profesional, o acompañamento á transformación dixital desde criterios éticos e a visibilización do valor da psicoloxía na sociedade.
A Xunta de Goberno prestará especial atención á promoción da saúde mental ao longo de todo o ciclo vital, ao reforzo dos recursos destinados á infancia e á adolescencia e á colaboración coas administracións, universidades e entidades sociais para contribuír á mellora do benestar da cidadanía desde o coñecemento científico da psicoloxía.
