A nova Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia tomou posesión dos seus cargos, tras culminar o proceso electoral ao que concorreu unha única candidatura, encabezada por Mª Rosa Álvarez Prada, coa intención de dar continuidade ao labor iniciado no anterior mandato, especialmente na defensa da accesibilidade á atención psicolóxica, así como á promoción dos diversos ámbitos de intervención e a loita contra o intrusismo.
O novo equipo combinará continuidade e renovación, co obxectivo de reforzar a defensa da profesión, promover a accesibilidade á atención psicolóxica, impulsar a formación continua e combater o intrusismo profesional. Entre as súas liñas estratéxicas figuran tamén o fortalecemento da participación da colexiación, a promoción da igualdade e do benestar profesional, o acompañamento á transformación dixital desde criterios éticos e a visibilización do valor da psicoloxía na sociedade.
A Xunta de Goberno prestará especial atención á promoción da saúde mental ao longo de todo o ciclo vital, ao reforzo dos recursos destinados á infancia e á adolescencia e á colaboración coas administracións, universidades e entidades sociais para contribuír á mellora do benestar da cidadanía desde o coñecemento científico da psicoloxía.
