Seccións

Xornadas de Sensibilización en Interculturalidade na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de

Os días 20, 21 e 22 de novembro, o equipo de Interculturalidade da sección de Intervención Social do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, desenvolveu unha actividade de Sensibilización en Interculturalidade, coa intención de achegar a realidade social ao alumnado de segundo curso de Psicoloxía e do máster de Intervención Social, aproveitando a temática dalgunhas materias.

O luns día 20, no marco da materia Estereotipos e Prexuizos impartida pola profesora Mónica Alzate, a coordinadora Pilar Canosa (G-1539) fixo a presentación do novo grupo de traballo de Interculturalidade, en dúas sesións dirixidas ao alumnado de segundo curso. Salientouse a importancia de relativizar o marco cultural propio para poder achegarse e comprender o marco cultural alleo, para reducir os estereotipos e prexuizos derivados do descoñecemento.

Como continuación, a profesional de comunicación en Ecos do Sur, Natalia Monje, explicou o proxecto da entidade sobre Realidade Virtual, que pretende concienciar á poboación sobre as dificultades e discriminacións que sofren as persoas migrantes. Algunhas persoas animáronse a probar a experiencia inmersiva.

O martes día 21, presentouse o grupo de Interculturalide ao alumnado ausente nas sesións do luns, e seguidamente deuse a coñecer o proxecto A Tribo, dedicado á discriminación por cuestións de saúde mental. Interviñeron dúas das rapazas protagonistas dos vídeos grabados.

O mércores día 22, o equipo participou na clase Intervención en pobreza, inmigración e desarraigo, dirixida polo profesor Germán Vargas. A compañeira Erika Medina e o refuxiado Ibrahim Bah, fixeron un percorrido sobre os duelos migratorios e o síndrome de Ulises, baseándose na súa propia experiencia coma persoas migrantes.

 

Spread the love
Xornadas de Sensibilización en Interculturalidade