O pasado día 27 de abril celebrouse no Centro Obra Social Abanca en Santiago de Compostela, a Xornada “Psicoloxía na escola xa”, organizada pola Sección de Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), e coa que se pretendeu visibilizar as dificultades a nivel emocional que está a experimentar hoxe en día o alumnado dos centros educativos, afondando na complexidade das mesmas, así como na escaseza de recursos humanos e reivindicando a imperiosa necesidade da presenza de especialistas en Psicoloxía Educativa desde a Educación Infantil ata a Universidade.
A xornada foi presentada pola decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada e con dúas conferencias que abordaron temáticas vencelladas a ditas necesidades:
Por unha banda, José Antonio Luengo Latorre, experto en Psicoloxía Educativa e decano do COP Madrid, versou a súa conferencia na “Infancia, adolescencia e saúde mental. O papel dos centros educativos” ; e por outra banda , Antonio Rial Boubeta, profesor da USC e responsable de numerosos estudos sobre mocidade, falou no seu relatorio sobre “Detección e intervención precoz dos problemas de adicción, saúde mental e convivencia no eido educativo”.
Ademais, a xornada tamén contou cunha mesa redonda composta por Hipólito Puente Carracedo, doutor en Psicoloxía Educativa e membro da División de Psicoloxía Educativa do Consejo General de la Psicología; Olegaria Mosqueda Bueno, psicóloga educativa e experta en Orientación e Apoio Psicoeducativo; e Marisol Louro Lestón, directora do IES Plurilingüe de Ames e representante de ADDIGA (Asociación de Directores/as de Galicia), na que disertaron sobre “Respostas ás necesidades psicolóxicas da comunidade educativa”.
A xornada tamén se celebrou en streaming e contou con máis dun centenar de asistentes. Foi clausurada por Manuela del Palacio García, presidenta da Sección de Psicoloxía Educativa do COPG.