Información Xeral

Xornada de Formación e Orientación ao Emprego para o Alumnado do Máster en Psicoloxía 2025

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, celebrou este 26 de novembro unha nova xornada dirixida ao alumnado do Máster en Psicoloxía da Intervención Social, pensada para ofrecer orientación profesional e un espazo de encontro entre estudantado e profesionais do eido social.

A sesión desenvolveuse na sede do COPG e contou cunha estrutura dinámica de tres horas de duración, combinando actividades participativas, unha mesa de experiencias e un espazo de diálogo aberto co alumnado. O obxectivo central foi reforzar a idea de que a intervención social constitúe unha saída profesional viable, necesaria e chea de oportunidades para o desenvolvemento persoal e laboral.

A xornada deu comezo coa benvida de Alejandra Isabel Fernández Rodríguez, secretaria da Xunta de Goberno do COPG e coordinadora coa Sección de Psicoloxía da Intervención Social, quen destacou o papel do COPG como entidade de apoio, acompañamento e defensa profesional.

A continuación tivo lugar unha dinámica inicial participativa, conducida polo profesor Marcos Dono, na que o alumnado puido expresar as súas crenzas, expectativas e dúbidas sobre o Colexio e sobre o traballo no ámbito da intervención social. Esta actividade serviu como punto de partida para orientar os temas que se abordarían ao longo da tarde.

O espazo central da xornada foi a Mesa de Experiencias Profesionais, na que interviñeron:

  • Alba Pinto Jiménez Guerrero, psicóloga na Cruz Vermella, quen compartiu o seu día a día e achegou unha visión directa do traballo en intervención social dentro dunha entidade de referencia.

  • Ana Mª Núñez Rubines, coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), que explicou a relevancia da preparación especializada e dos equipos de resposta psicolóxica en situacións críticas.

Para pechar, Alejandra Isabel Fernández Rodríguez realizou unha intervención final na que presentou os recursos, servizos e vías de acompañamento profesional que o COPG pon a disposición dos colexiados e colexiadas, subliñando a importancia de contar cunha entidade que impulse, visibilice e apoie o traballo en intervención social.

Xornada de Formación e Orientación ao Emprego para o Alumnado do Máster en Psicoloxía 2025