Destacado

Xornada de Formación e Orientación ao Emprego para o Alumnado do Máster en Psicoloxía

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, celebrou este 12 de decembro unha xornada dirixida ao alumnado do Máster da especialidade en Intervención Social, enfocada na formación e orientación profesional no ámbito da intervención social. O evento tivo como obxectivo transmitir unha mensaxe clara e esperanzadora: non só é posible desenvolver unha carreira profesional no ámbito social, senón que este traballo é necesario e altamente enriquecedor.

A Xornada tivo lugar na sede do COPG e nela participaron os seguintes profesionais do eido da psicoloxía social:

    • Concepción Fernández Fernández: Vogal da Xunta de Goberno do COPG, coordinadora da Comisión Intersectorial Feminista e profesora do citado máster. Abordou a estrutura do Colexio e os programas de atención psicolóxica especializada en violencia de xénero.
    • Ana Mª Núñez Rubines: Vogal da Xunta de Goberno do COPG e coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). Compartiu a súa experiencia e os beneficios profesionais ao formar parte deste grupo especializado.
    • Patricia Rodríguez Villar: Vogal da Sección de Psicoloxía da Intervención Social do COPG e membro do Grupo de Traballo de Psicoloxía dos CIM’s. Explicou o desenvolvemento profesional na intervención social desde a súa experiencia e, xunto a Yago López, os beneficios e importancia de pertenecer á Sección de Intervención Social do COPG.
    • Yago López Pérez: Vogal da mesma Sección e membro do Grupo de Traballo de Psicoloxía do Envellecemento. Achegou tamén unha visión complementaria sobre este eido profesional ao falar desde a súa experiencia.

A xornada, dirixida ao alumnado de 1º e 2º curso do máster, ofreceulles unha oportunidade única de explorar diversas saídas profesionais e comprender a importancia do seu labor nunha sociedade en continuo cambio.

Grazas á calidade das intervencións e ao enfoque dos relatores, os asistentes marcharon cunha visión renovada e optimista sobre as posibilidades que ofrece o ámbito da psicoloxía social.