O venres 15 de novembro, desde a sección de Intervención Social do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o Grupo de Traballo de Interculturalidade voltou ás aulas da Facultade. Unha vez máis o equipo tivo a oportunidade de acompañar á profesora Mónica Alzate, psicóloga integrante da sección, para traballar co estudantado da Facultade de Psicoloxía os efectos dos estereotipos e prexuízos sobre o benestar das persoas xitanas.
Nesta ocasión a xornada contou coa participación de Fundación Secretariado Xitano, representada por Javier León Jiménez, técnico de intervención en Igualdade de trato e non Discriminación. Javier dirixe o programa Igual-Trato, de sensibilización e acompañamento na loita contra a desigualdade e a discriminación da poboación xitana.
Con respecto a sensibilización, poderíanse salientar dúas cousas:
- A importancia de concienciar e capacitar ás propias persoas xitanas para que non perciban a discriminación como algo natural.
- A necesidade de involucrar a axentes clave que poidan transmitir unha mensaxe antirracista. Neste senso, as/os profesionais da Psicoloxía tamén temos que exercer de axentes de cambio.
Subliñar que o antixitanismo está considerado unha forma específica de racismo, e así consta no Código Penal.
Despois dunha interesante contextualización histórica e social, Javier ensinounos a identificar situacións de discriminación e a como proceder neses casos. O antixitanismo pode xurdir en múltiples ámbitos: educativo, laboral, sanitario, acceso a vivenda, identificación policial, que poden resultar en delitos de odio. Estas situacións deben ser denunciadas e postas en coñecemento da Fundación Secretariado Xitano, que sempre ofrecerá asesoramento. Nos casos urxentes o teléfono 021 sempre está dispoñible.
A xornada enriqueceuse aínda máis coas preguntas e aportacións das rapazas e rapaces presentes na aula. Séguese impulsando a Psicoloxía galega.