Este sábado 17 de febreiro ten lugar na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela o curso de “Prevención de condutas suicidas na infancia e na adolescencia”, organizado pola Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
En España, de media, cada día acaban coa súa vida once persoas e en Galicia, unha. É unha problemática moi grave que cada vez afecta máis ás novas xeracións e por isto é importante prestarlle atención a esta realidade, empezando polo ámbito familiar. “Son moitas as listas
que podemos atopar sobre factores de risco. Os intentos previos, as autolesións, o bullying e ciberbullying, os problemas entre pares, a depresión, os problemas académicos, o perfeccionismo, a rixidez cognitiva, a desregularización emocional… Pero debemos ser prudentes cos factores de risco porque non son bos predictores da conduta suicida. É dicir, as autolesións aumentan o risco de suicido, pero a grandísima maioría de rapaces e rapazas
que se autolesionan non se suicidan”, sinala José Eduardo Rodríguez Otero, psicólogo especialista en Psicoloxía Clínica na Unidade de Prevención do Suicidio da Área Sanitaria de Vigo e docente deste curso.
O obxectivo desta actividade é contextualizar as condutas suicidas na infancia-adolescencia e coñecer as medidas de prevención do suicidio con maior respaldo empírico. Preténdese lograr un achegamento teórico e práctico, expoñendo os contidos conceptuais da materia e relacionándoos con casos prácticos reais. Promoverase en todo momento a participación activa do alumnado e a creación dun espazo para a reflexión e o debate. Facilitaranse
materiais e referencias bibliográficas que sirvan como apoio ao desenvolvemento das temáticas propostas.
Será coordinado por Eduardo Martínez Lamosa e terá unha duración de oito horas, repartidas en dous bloques: en primeiro lugar, de 10:00 a 14:00 e logo de 16:00 a 20:00. No primeiro bloque atoparemos estatísticas, posicionamento ético, conceptualización e modelo de prevención. E no segundo poderemos distinguir tres tipos diferentes de prevención: universal, selectiva e indicativa. Ademais de falar tamén da posvención e de máis recursos de interese.
Por outra parte, cómpre destacar tamén que non só se vai desenvolver de maneira presencial, tamén se fará de maneira online e contará con 20 prazas para cada modalidade.