Seccións

«Unha maior presenza da psicoloxía no sistema educativo podería atender a crecente problemática dos trastornos de ansiedade e do estado de ánimo da mocidade»

Queda un mes para o comezo das I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa e a través da Circular Informativa do COPG imos achegarnos ás propostas que realizarán as relatoras e relatores que conforman o programa deste encontro.

Nesta primeira entrevista falamos con Carla Teixeira Lago, que xunto con Iria Calleja Barcia ofrecerá o obradoiro “Pílulas de supervivencia emocional para psicólogos/as”. Ambas as dúas colexiadas dirixen Alar Psicoloxía e Formación en Vigo e forman parte do equipo da Fundación Ingada (Instituto Galego do TDAH); ademais, son profesoras-titoras no Grao de Psicoloxía, do centro asociado da UNED en Pontevedra.

Iria Calleja Barcia

Carla Teixeira é Máster en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social (UVigo) e Máster en Psicoloxía Xeneral Sanitaria (UNIR). Iria Calleja posúe o título de Máster en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social e un doutorado en Educación, Deporte e Saúde. 

 

 

Lembra que ata o 2 de setembro o prezo de inscrición é reducido, e que podes consultar o programa completo e toda a información relacionada na web das Xornadas: https://xornadaspsicoloxiaeducativa.copgalicia.gal/

Estas xornadas son un encontro profesional único que pretenden visibilizar a necesidade de contar con profesionais da Psicoloxía Educativa e a súa utilidade. Non só é unha demanda da comunidade educativa senón que a sociedade no seu conxunto está a demandar psicólogos e psicólogas expertas para o acompañamento emocional dos menores nunha complexa conxuntura social.

– Cales serán as principais contribucións para as persoas asistentes ao voso obradoiro?

Pretendemos que as persoas que acudan ao noso obradoiro aprendan hábitos de autocoidado emocional e de coidado dos estudantes cos que traballan no día a dia. O obradoiro está pensado para axudar de xeito concreto aos psicólogos e psicólogas educativos para mellorar a súa xestión emocional no traballo do día a día.

Nunca tivo tanta presenza a saúde mental no debate público como neste momento. Que podería contribuír a psicoloxía dentro do sistema educativo?

Unha maior presenza da psicoloxía dentro do sistema educativo podería, na nosa opinión, non só mellorar a calidade da acción titorial e a educación integral do alumnado, a orientación vocacional e profesional e a detección e atención temperá ao alumnado con NEAE e NEE, que xa é a tríada de aspectos centrais nos que a psicoloxía educativa é precisa historicamente na escola, senón tamén desde un ámbito mais sanitario, poderíase atender a crecente problemática dos trastornos de ansiedade e do estado de ánimo da mocidade, que con cada vez máis frecuencia son detectados polos Departamentos de Orientación dos centros educativos e que necesitan unha abordaxe urxente e altamente especializada.

Spread the love
Carla Teixeira Lago, psicóloga participante nas I Xornadas de Psicoloxía Educativa