Destacado

Xunta de Goberno do COPG
Toma de posesión e presentación da nova Xunta de Goberno do COPG

O día 18 de maio foi a proclamación definitiva da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. O día 31 de maio tomamos posesión cunha forte vontade de dar continuidade ao proxecto do anterior mandato ao tempo que renovamos os ánimos e as iniciativas.

Para os próximos catro anos marcámonos como obxectivo e liña de traballo principal a defensa da psicoloxía na sociedade, asentado nos alicerces da boa práctica profesional e da formación continua como garantías, e reclamando a accesibilidade a atención psicolóxica para as persoas nos distintos contextos. A intención é manter unha coherencia co labor herdado, se ben se desenvolverán medidas para transformar o Colexio de acordo coas necesidades dos tempos, como ben aprendemos neste contexto histórico tan inédito que tocou vivir pola pandemia.

Estableceranse medidas para desenvolver as seguintes liñas estratéxicas de acción:

Participación colexial, servizos e transparencia.

  • Aliñamento das actuacións do COPG cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU, que teñen por finalidade poñer fin á pobreza, protexer o planeta e garantir que todas as persoas gocen de paz e de prosperidade no horizonte do ano 2030.
  • Fomento das canles de comunicación cos colexiados e colexiadas coa Xunta de Goberno.
  • Promoción da actividade das Seccións profesionais e dos seus grupos de traballo (Psicoloxía e Saúde, Educativa, Intervención Social, Traballo e das Organizacións e Xurídica), impulso ao labor das Comisións Intersectoriais (Mediación, Deporte e Feminismo), e dos Grupos (GIPCE e Tráfico e Seguridade), así como do Espazo de Autocoidado.
  • Impulso á comunicación cos colexiados e colexiadas para trasladar con maior eficacia as actuacións do COPG, as auditorías e a rendición de contas.
  • Mellora da acollida aos novos colexiados e colexiadas, atendendo as necesidades de quen comeza a súa traxectoria profesional, xa sexa por conta propia ou allea.
  • Promoción dos servizos de asesoramento ofrecidos a todas as persoas colexiadas, ademais da organización de formacións gratuítas sobre cuestións prácticas vinculadas a estas asesorías.
  • Fomento de puntos de encontro profesionais para colexiados e colexiadas.
  • Incremento e mellora dos servizos colexiais útiles para os distintos eidos.

 

Defensa da accesibilidade á atención psicolóxica.

  • Impulso da incidencia política do COPG na Administración, nas institucións, no terceiro sector e na sociedade civil en xeral para promover a accesibilidade á atención psicolóxica nos distintos contextos (hospitais, centros de saúde, centros de ensino, concellos, organizacións, escolas deportivas, xulgados, etc.).
  • Denuncia e reclamación da creación, se corresponde, ou do incremento naquelas nas que sexa insuficiente, das prazas de psicólogos e psicólogas na Sanidade, na Xustiza, na Educación e nos Servizos Sociais, así como a nosa presenza nos equipos interdisciplinares.
  • Participación nos consellos e mesas da Administracións para achegar a perspectiva da nosa profesión ás políticas públicas, á vez que para velar pola axeitada inclusión de psicólogos e psicólogas nas distintas áreas da rede pública.

Representación institucional e incidencia social.

  • Potenciación da comunicación coa Administración, as institucións e os representantes políticos, co obxectivo de promocionar a profesión, a súa calidade e o seu prestixio social.
  • Traslado de propostas ás distintas Administracións de cuestións de interese social.
  • Programación de actividades abertas á sociedade para difundir o papel da psicoloxía na sociedade, nos diferentes ámbitos, e para a reivindicación da accesibilidade da atención psicolóxica para a cidadanía e as comunidades.
  • Incidencia na axenda mediática para a visibilización das actividades do Colexio e posicionamentos sobre asuntos concretos, así como atenderemos as demandas dos medios de comunicación que procuran fontes expertas da psicoloxía.
  • Divulgación e visibilización da psicoloxía a través dos medios de comunicación e de campañas publicitarias.
  • Impulso das relacións académico-profesionais, para favorecer as sinerxías entre ambas as dúas institucións.
  • Potenciación da relación con outras organizacións e asociacións profesionais que compartan obxectivos e intereses científicos profesionais.

Actualización e transformación dixital.

  • Mellora da sede electrónica do COPG para facilitar o maior número de procedementos, para facilitar a atención ao colexiado e colexiada por parte da Administración do COPG, promovendo a eficiencia nas xestións e a axilización dos trámites, de acordo coa lexislación vixente.
  • Impulso da formación online, promocionando a mellora tecnolóxica para que a experiencia formativa sexa coa máxima calidade posible.
  • Modernización da web institucional.

Formación de calidade.

  • Promoción e desenvolvemento profesional a través do Programa de Formación do COPG, mantendo sempre o rigor e a calidade.
  • Promoción do Programa Limiar para novos colexiados e colexiadas.
  • Impulso á produción científica propia, a través da Beca Siota de investigación ou das publicacións específicas do Colexio (Cadernos da Psicoloxía, Anuario…).
  • Investigación das necesidades formativas das colexiadas e colexiados para ter unha oferta formativa máis adaptada.

Impulso da igualdade.

  • Impulso, con carácter transversal, da formación en materia de perspectiva de xénero na praxe profesional.
  • Incidencia social de denuncia das violencias machistas e das distintas formas de discriminación, así como de sensibilización e prevención.
  • Vixilancia nas dinámicas colexiais da promoción da igualdade.

Defensa da profesión e loita contra o intrusismo e as pseudociencias.

  • Defensa da figura profesional do psicólogo ou psicóloga nos distintos ámbitos (clínico, sanitario, xurídico, educativo, organizacional, social, etc.), apoiando a súa integración nas estruturas de toma de decisións, de planificación e de xestión.
  • Loita por unha mellora da empregabilidade, tanto no eido público como privado.
  • Persecución e denuncia, se fose preciso, das prácticas de intrusismo na psicoloxía.
  • Impulso da Ética e Deontoloxía profesional, como base imprescindible para a óptima praxe.
  • Promoción da psicoloxía como unha ciencia consolidada, baseada na evidencia, co obxectivo do consecuente prestixio social da profesión.

Reparto de responsabilidades:

Mª ROSA ÁLVAREZ PRADA
Decana
HIPÓLITO PUENTE CARRACEDO
Vicedecano / TIC e Administración Electrónica / Coordinación coa Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións.
ALEJANDRA FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ
Secretaria / Formación e Desenvolvemento Pofesional
Mª CARMEN GONZÁLEZ HERMO
Vicesecretaria / Coordinación  coa Sección de Psicoloxía da Intervención Social / Coord. Coa Comisión de Psicoloxía do Deporte.
MIGUEL ÁNGEL CHOUZA PONTE
Tesoureiro / Servizos colexiais
JOSÉ BERDULLAS BARREIRO
Coordinación coa Sección de Psicoloxía e Saúde
Mª BEGOÑA CASTRO IGLESIAS
Vogalía de Publicacións e coordinación coa Sección de Psicoloxía Educativa
RICARDO FANDIÑO PASCUAL
Coordinación coa Sección de Psicoloxía Xurídica / Comisión Intersectorial de Mediación.
CONCEPCIÓN FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ
Comisión Intersectorial Feminista e Comisión de Cultura e Sociedade.
EVA MUÍÑO GÓMEZ
Grupo de Psicoloxía do Tráfico e da Seguridade
ANA Mª NÚÑEZ RUBINES
Coordinación co Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).
JOSÉ MANUEL OREIRO BLANCO
Coordinación coa Comisión de Ética e Deontoloxía
SOCORRO RODRÍGUEZ HOLGUÍN
Comisión de Defensa da Profesión e Relacións Académico-Profesionais.

Spread the love