Este xoves 15 de febreiro, a emisora Cadena SER – Radio Galicia emitiu o seu programa Hoy por Hoy Santiago desde a Facultade de Psicoloxía, dedicado a Tempo da Psicoloxía, o ciclo que organiza desde 2019 conxuntamente a Facultade de Psicoloxía da USC co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, no que ao longo dunha semana organizan varios faladoiros sobre unha temática de actualidade.
A sexta edición vai botar «Unha ollada sobre o suicidio», un grave problema de saúde pública, que custa a vida a practicamente unha persoa cada día en Galicia, a segunda comunidade autónoma do conxunto do Estado con maior prevalencia xunto con Asturias. Se ben o suicidio pode previrse, require dunha abordaxe desde distintos ámbitos, así como dunha boa accesibilidade aos servizos públicos, entre eles os de psicoloxía, tanto no relativo á prevención como á intervención sobre a ideación autolítica.
No programa conducido pola recoñecida xornalista Ainhoa Apestegui, o vicedecano do COPG, Hipólito Puente Carracedo, fixo fincapé nas elevadas taxas de suicidio e na necesidade de coidar da saúde mental da poboación, especialmente da xente moza. Para avalar esta necesidade, compartiu os datos do estudo PsiCE que desenvolveu o Consejo General de la Psicología que ofreceu datos moi preocupantes, segundo os cales un de cada cinco mozos e mozas ten desexado estar morto; un 16,7% tivo ideas de quitarse a vida; un 7,5% planificouno e un 4,9% chegou a tentalo.
A decana da Facultade de Psicoloxía da USC, María José Sampedro, defendeu a importante base científica da psicoloxía fronte a pseudociencias e a calidade da preparación do alumnado formado nesta universidade, nunha profesión que hoxe en día presenta unha crecente empregabilidade. Tamén interviu Pilar Bárcena, psicóloga da Unidade de Atención Psicolóxica da USC, un dispositivo creado tras a pandemia pero que desmostrou a súa utilidade en moitos outros aspectos máis alá do impacto da COVID-19 e que veu para quedar.
Xa no último tramo do programa, a coordinadora de Tempo da Psicoloxía, Socorro (Coqui) Rodríguez Holguín, debullou o programa deste ano, acompañada dunha das participantes desta edición, Olalla Villaronga, psicóloga da Asociacion Pro Saúde Mental desde onde desenvolve un programa comunitario de prevención da conduta suicida. O psicólogo clínico José Berdullas, vogal da Xunta de Goberno do COPG, fixo énfase en que o acceso rápido a atención psicolóxica é fundamental para evitar desenlaces tráxicos no caso de persoas con ideación suicida.
Os faladoiros de Tempo da Psicoloxía están abertas a todo o público, son gratuítas e poden seguirse tanto de maneira presencial coma online. No caso da primeira opción, realizaranse na propia Facultade de Psicoloxía, o acceso é libre e non se necesita inscrición previa. Para poder seguilas por vía online, é preciso inscribirse neste formulario. Todas as palestras comezarán ás 18h, terán unha duración prevista dunha hora e media e estarán moderadas polas xornalistas María Piñeiro, Lara Salgado e Ana G. Liste.