Destacado

Tempo da Psicoloxía 2023
Tempo da Psicoloxía, 2023

Entre os días 23 de febreiro e 2 de marzo tivo lugar a quinta edición de Tempo da Psicoloxía, organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. O tema central desta edición foi “Unha ollada sobre as migracións”.

Tempo da Psicoloxía pretende ser un foro de reflexión, de carácter divulgativo, no que a psicoloxía, como profesión e como disciplina científica, dialogan con outros axentes sociais sobre temas de interese para a cidadanía. Nesta edición, que como o seu título indica xirou arredor da realidade migratoria, celebráronse as seguintes:

O martes 28 de febreiro, tivo lugar a primeira das mesas “Cando a única saída é FUXIR”, que contou con Hafdallah Menni, psicólogo colaborador de ACCEM con experiencia en atención a inmigrantes, refuxiados e vítimas de trata; Masha Asieieva, socióloga, mediadora intercultural en Ecos do Sur, e Mónica Alzate, profesora da Facultade de Psicoloxía experta en análise de conflito político desde a Psicoloxía Social, e colaboradora en ONGDs. Estivo moderada polo xornalista Ángel Suanzes. Nesta mesa puidemos coñecer un pouco máis do proceso que experimentan as persoas migrantes que se ven forzadas a abandonar o seu pais na procura dun futuro.

Mesa “Cando a única saída é FUXIR”

Mesa “Cando a única saída é FUXIR”

 

O mércores 1 de marzo foi o momento da palestra “TRATA de persoas: a escravitude silenciada”, na que visibilizamos unha das arestas máis terribles da migración, a explotación sexual. Nela participaron Lorena Nieto, psicóloga do programa Vagalume – servizo de atención integral á muller de Cáritas-Santiago; Vanessa Silva, supervivente da trata, fundadora da Asociación Las Independientes, feminista radical e abolicionista, e Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Moderou esta mesa a xornalista Sonia Vizoso.

Mesa “TRATA de persoas: a escravitude silenciada”

Mesa “TRATA de persoas: a escravitude silenciada”

 

A última xornada, o xoves 2 de marzo, o diálogo enmarcouse baixo o título “Botando novas raíces: a INTEGRACIÓN comunitaria”, que estará centrada na integración comunitaria nas persoas inmigrantes. A xornalista Claudia Morán coordinou o diálogo entre  Marcos Álvarez, psicólogo do CIM Mancomunidade Terra de Celanova e membro do GIPCE-112; Sonia Díaz, responsable de proxectos de educación e de comunicación para o cambio en AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) e Yousef Ali Hussein Al Dubai, profesor de literatura fuxido do Iemen e actualmente refuxiado en España. Con esta intervención pechamos a quinta edición de Tempo da Psicoloxía 2023 cunha mensaxe moi importante: a educación é unha poderosa ferramenta para que a inclusión sexa real, con independencia do país de orixe das persoas. Profesionais, administración e a cidadanía temos unha responsabilidade para que a nosa sociedade sexa verdadeiramente acolledora.

Mesa “Botando novas raíces: a INTEGRACIÓN comunitaria”

Mesa “Botando novas raíces: a INTEGRACIÓN comunitaria”

 

A semana anterior, coincidindo coa xornada institucional da Psicoloxía académica, tivo lugar na a conferencia “A realidade migratoria: unha perspectiva psicosocial”, a cargo de Manuel Martínez García, catedrático emérito da Universidade de Sevilla, experto en psicoloxía social comunitaria e migracións.

Con motivo da celebración de Tempo da Psicoloxía, ata o venres 3, púidose visitar na Facultade de Psicoloxía da USC, unha exposición sobre a trata e a explotación sexual cedida desde a Rede Galega contra a TRATA. Nos paneis expositivos púidose coñecer este xeito de violencia ade xénero, motivar a formación específica dos e das profesionais, reflexionar sobre o papel do consumidor de prostitución, e promover a prevención de xeitos de captación, maioritariamente online, do que se nutren as redes de trata na actualidade.

Exposición cedida desde a Rede Galega contra a TRATA

Exposición cedida desde a Rede Galega contra a TRATA

Exposición cedida desde a Rede Galega contra a TRATA

 

 

 

 

 

 

 

As xornadas, que se celebraron na Facultade de Psicoloxía, e contaron cun cento asistentes entre as persoas presentes na sala e as que as seguiron por en streaming, estarán proximamente dispoñibles na canle de YouTube do COPG.

Spread the love