O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinou recentemente un convenio coa Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, incluíndo o alumnado, o seu profesorado e as súas familias para a atención psicolóxica de alumnado, profesorado e familias en situación de vulnerabilidade socioeducativa por condicións persoais (malestar psicolóxico e/ou emocional) ou de historia escolar.
En base ao recollido no parágrafo anterior, o COPG elaborará catro listaxes cos e coas profesionais que cumpran cos requisitos establecidos.
O ámbito de actuación engloba os centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, incluíndo o alumnado, o seu profesorado e as súas familias.
As intervencións iniciaranse por acordo de derivación do Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia da Consellería. Este servizo comunicará por escrito ao COPG unha descrición detallada da necesidade e o COPG nomeará o/a profesional correspondente da listaxe.
As retribucións serán:
- Por cada sesión de apoio/intervención: 80 €/hora (máximo facturable 2 horas).
- Desprazamentos: 0,26 €/km. (máximo facturable 200 km. ida e volta, sempre e cando o enderezo do profesional estea a máis de 20 km. do centro educativo)
Os psicólogos e psicólogas que desexen ser incorporadas na listaxe deberán reunir os seguintes requisitos:
- Ser psicóloga ou psicólogo colexiado e atoparse ao corrente das obrigas colexiais.
- Non estar cumprindo nin ter pendente de cumprimento sanción da Comisión de Ética e Deontoloxía.
- Estar en condicións de poder emitir facturas segundo a normativa vixente.
- Dispoñer de seguro de responsabilidade civil profesional vixente, o cal se acreditará mediante o pagamento do último recibo do ano en curso.
- Non ter antecedentes de delitos de natureza sexual.
- Acreditar os requisitos de competencias profesionais da Psicoloxía Educativa.
- Posuír a acreditación nacional de experto en Psicoloxía Educativa, ou
- Acreditar 2 anos de experiencia profesional e 250 horas de formación especializada de posgrao en psicoloxía educativa en institucións recoñecidas e avaladas por calquera la Universidade e/ou Colexio Oficial de Psicoloxía.
- Para supostos de baixa e solicitude de reincorporación, non ter incumprido o presente regulamento ou as funcións nel recollidas.
As persoas interesadas en incorporarse nas devanditas listaxes de psicólogas e psicólogos para a prestación de atención psicolóxica de alumnado, profesorado e familias en situación de vulnerabilidade, deberán presentar con data límite do 31 de agosto o seguinte:
- Solicitude segundo modelo axunto.
- Copia simple da documentación acreditativa dos méritos que desexen facer constar (acreditación nacional de experto en Psicoloxía Educativa, ou experiencia profesional e formación).
- Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos para formar parte da listaxe (xustificante de pago do seguro de responsabilidade civil profesional e certificado de delitos de natureza sexual).
Co fin de valorar as solicitudes recibidas, a Xunta de Goberno do COPG constituíu unha Comisión de Valoración formada por:
- Mª Carmen González Hermo. Vicesecretaria do COPG.
- Mª Begoña Castro Iglesias. Vogal da Xunta de Goberno do COPG e presidenta da Sección de Psicoloxía Educativa do COPG.
- Ana Belén Montesa Lou. Vicepresidenta da Sección de Psicoloxía Educativa do COPG.
Haberá unha listaxe por cada provincia, debendo indicar a persoa solicitante na súa solicitude a provincia ou provincias nas que desexa ser incluída. Cada solicitante pode adscribirse a un máximo de dúas listaxes provinciais.
A orde das persoas nas listaxes realizarase por estrito orde de rexistro de entrada. As solicitudes presentadas só terán validez en orde á súa incorporación á listaxe unha vez aportada a totalidade da documentación acreditativa dos requisitos e méritos requiridos. No suposto de emenda ou mellora terase en conta o último rexistro de entrada realizado.
Unha vez comprobada pola Comisión de Valoración a concorrencia e cumprimento dos requisitos esixidos, esta remitirá os seus acordos á Xunta de Goberno que, unha vez estudiada toda a documentación, elaborará e aprobará as correspondentes listaxes, que serán publicadas na páxina web do COPG; asemade, a resolución será notificada individualmente a cada unha das persoas interesadas.
Con todo, as devanditas listaxes estarán abertas durante a vixencia do Convenio, podendo toda persoa colexiada que reúna os requisitos formular a súa solicitude en calquera momento.
Poderase presentar a documentación a través do medios seguintes:
- Acudir presencialmente á sede colexial, sita na Rúa Espiñeira, 10-Baixo, 15706 Santiago de Compostela, A Coruña.
- Por correo postal certificado.
- A través da sede electrónica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Non se admitirá documentación a través de correo electrónico.
En todo o non previsto na presente convocatoria, e como corporación de dereito público, serán de aplicación a Lei 39/2015, de Procedemento Administrativo Común e a Lei 40/2015, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas.
