O pasado martes 7 de febreiro tivo lugar unha nova edición da sesión interactiva sobre «O perfil da Psicoloxía do Traballo e das Organizacións», que anualmente organiza a Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para o alumnado de terceiro curso do Grao en Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Acompañounos Pedro Ares Fernández, People Partner en Fresh People. Baixo o estimulante título «Refrescando as organizacións», identificou como os temas abordados na carreira teñen unha transferencia directa ao exercicio profesional en áreas como recrutamento e selección, clima e cultura ou liderado, entre outras. Os consellos e recomendacións sobre como abordar os inminentes desafíos e oportunidades do mercado de traballo centraron o debate posterior.
O obxectivo desta iniciativa é achegar o mundo da empresa e das organizacións ao estudantado. A través do relatorio de profesionais de diferentes áreas en organizacións distintas abórdanse, entre outros aspectos, as principais funcións e tarefas que desenvolven as psicólogas e os psicólogos do traballo no seu día a día.