A secretaria do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Alejandra Isabel Fernández, e a coordinadora do Grupo de Traballo de Interculturalidade do COPG, Pilar Canosa, reuníronse este martes, 27 de maio, con Red Acoge para coñecer o seu servizo para a asistencia e orientación a vítimas de discriminación racial ou étnica no CEDRE (Consello para a Eliminación da Discriminación Racial ou Ética).
As principais funcións deste servizo son as de asistencia directa a persoas que sufriran ou sexan coñecedoras de discriminacións (ou potenciais delitos de odio) baseadas na orixe racial ou étnica e o asesoramento, apoio e acompañamento a persoas que sufriran discriminación ou potenciais delitos de odio. Tamén realizan orientación e asesoramento técnico a profesionais e organismos en materia de igualdade de trato e non discriminación. Sen esquecer as actuacións de sensibilización e de información coa finalidade de promover a igualdade de trato e non discriminación.
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expúxose tamén o traballo que realiza a prol da regulación da profesión e a realización de actuacións de sensibilización, coa intención de promover e dar a coñecer as distintas facetas e campos da profesión.
Para o interese dos/as nosos colexiados e colexiadas, as vías de contacto deste servizo son:
- O teléfono 021 (teléfono habilitado polo Ministerio de Igualdad para denunciar situacións de discriminación racial).
- Os teléfonos da Oficina Oficial en Galicia: 676 74 70 53 e 881 912 940.
- O e-mail da Oficina Oficial en Galicia: galicianodiscriminacion@redacoge.org.