As XXX Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, celebradas na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela os días 6, 7 e 8 de novembro, converteron o seu trixésimo aniversario nun espazo de análise profunda sobre os retos actuais da psicoloxía clínica e sanitaria. Baixo o lema “Recalculando a ruta”, case cento cincuenta profesionais participaron neste encontro que, tres décadas despois das súas primeiras edicións, continúa sendo unha referencia para a actualización científica e o intercambio de coñecemento en Galicia.
Ao longo das sesións, as persoas asistentes abordaron cuestións clave para o presente e o futuro da profesión, como a incorporación de novos modelos de intervención, o impacto das transformacións sociais e tecnolóxicas —incluíndo a intelixencia artificial— e os desafíos éticos derivados destes cambios. Ocuparon un lugar central debates sobre a necesidade de recoñecer a Psicoloxía Infanto-Xuvenil como especialidade PIR, o papel do diagnóstico e o sobrediagnóstico e o acompañamento ás persoas con enfermidades crónicas ou en situacións terminais.
As Xornadas voltaron poñer o foco na situación da atención psicolóxica no sistema público galego. Analizouse a insuficiencia de profesionais da psicoloxía clínica na Atención Primaria e o efecto das longas listas de espera, así como o incremento da prescrición de psicofármacos, especialmente entre a poboación máis nova. Ante esta realidade, reivindicouse unha aposta clara por fortalecer todos os niveis asistenciais, incrementar o número de prazas PIR e integrar a psicoloxía educativa nos centros escolares para garantir unha atención temperá e especializada.
Com cada ano, presentouse o número correspondente do Anuario da Sección de Psicoloxía e Saúde, publicación científica que recolle investigacións e boas prácticas de profesionais de Galicia e doutras comunidades, consolidándose como un recurso de consulta e difusión de coñecemento dentro da psicoloxía clínica e sanitaria.
A celebración dos trinta anos das Xornadas serviu tamén para recoñecer o labor das distintas Xuntas Directivas da Sección ao longo destas décadas e para destacar o valor deste encontro na construción dun modelo máis humano, xusto e accesible de atención á saúde mental. Como sinalaron diversas intervencións, recalcular a ruta non significa comezar de novo, senón avanzar con máis claridade sobre a base dun camiño xa construído colectivamente.
As XXX Xornadas pecháronse reafirmando o compromiso do COPG coa defensa dunha atención psicolóxica pública de calidade e coa idea que guiou moitas das reflexións compartidas: sen saúde mental non hai saúde, mensaxe que o Colexio continúa difundindo a través da campaña “A túa saúde mental non é un xogo”.



















