Seccións

Psicólogos e psicólogas do COPG fórmanse no respecto aos Dereitos Humanos na intervención en Saúde Mental

A Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza o Curso “Dereitos humanos e saúde mental” que se levará a cabo o 24 e 25 de novembro na sede colexial en Santiago de Compostela e tamén por streaming.

Nestes últimos anos, producíronse unha serie de cambios relevantes nesta materia, polo que o obxectivo desta actividade é dotar os psicólogos e psicólogas dos coñecementos actualizados que lles permitan levar a cabo o seu traballo da forma máis axeitada posible. “O labor das e dos profesionais da Psicoloxía no eido clínico e sanitario non só debe basearse nos coñecementos técnicos ou científicos propios da disciplina, senón que tamén debe respectar en todo momento unha serie de normas deontolóxicas, éticas e xurídicas que buscan garantir o bo funcionamento da sociedade no seu conxunto e dos individuos aos que lles ofrecemos os nosos servizos”, afirma Eduardo Martínez Lamosa, coordinador do curso.

O achegamento é fundamentalmente práctico, empregando na medida do posible casos reais, tirados da xurisprudencia galega e buscando ao mesmo tempo un espazo de reflexión e de debate. O docente encargado será Miguel Vieito Villar, avogado, mediador e investigador especializado en dereito sanitario.

O programa está dividido en cinco bloques principais. En primeiro lugar, o venres comeza cunha introdución á orixe e achegamento histórico dos Dereitos Humanos. A isto  seguiralle as persoas menores de idade e, por último, o ordenamento xurídico e a discapacidade. O segundo día estará enfocado na autodeterminación de xénero e os dereitos sexuais e reprodutivos, ademais de contencións e Dereitos Humanos.

Segundo a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, «todos os seres humanos nacen libres en dignidade e dereitos», pero a realidade é que os textos que veñen recollidos nas leis e nas políticas, aínda que partan das mellores intencións, poden perder toda a súa forza ante determinados condicionantes sociais moi difíciles de modificar. “Ese enunciado o que di é que «o teu código postal é máis importante para a saúde ca o teu código xenético» e non debe ser tomado como unha anécdota nin como unha hipérbole.

As leis nacionais e autonómicas buscan que todas as persoas dispoñamos dos mesmos dereitos no acceso ás prestacións dos sistemas sanitarios (incluída a saúde mental), pero a realidade é que non existe tal homoxeneidade: a poboación, dependendo do lugar onde nace, estará exposta a diferentes factores de risco, presentará distintas taxas de trastornos e enfermidades, disporán de forma diferencial de medidas preventivas e tratamentos”, así explica, Eduardo Martínez, a importancia da toma de conciencia sobre este tema.

Os e as profesionais da saúde mental e do Dereito, as asociacións de persoas usuarias e familiares e os movementos políticos e sociais, teñen un papel moi relevante na normalización destas realidades e na erradicación dos estigmas. Por este motivo é tan importante e necesario facer este tipo de cursos.

 

Spread the love