Información Xeral

Presentación do Estudo PsiCE: un 12% de adolescentes, en risco de problemas psicolóxicos e condutuais

Ansiedade, depresión, ideación suicida, acoso escolar, ciberacoso… Son vivencias emocionais que os nenos, nenas e adolescentes do conxunto do Estado están a soportar e que non comparten con ninguén: nin cos seus pais e nais, nin co seu profesorado, nin cos seus iguais. Non contan, ademais, con profesionais da psicoloxía educativa a quen recorrer nos seus centros escolares e as políticas educativas, sociais e sanitarias actuais non contemplan todas as medidas necesarias para atallar estes problemas.

Os datos do estudo PsiCE, “Psicoloxía baseada na evidencia en contextos educativos”, elaborado por Psicofundación e o Consejo General de la Psicología, coa participación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, suxiren que as taxas de prevalencia de problemas emocionais e as dificultades de axuste psicolóxico en nenos e adolescentes españois son elevadas.

Os datos obtidos así o reflicten:

  • O 12% da poboación adolescente manifestaron problemas emocionais e condutuais de certa gravidade.
  • O 6% de adolescentes informaron de síntomas graves de depresión.
  • O 14% de adolescentes referiron síntomas de ansiedade graves.
  • O 4,9% da mostra indicou que, nalgún momento, tentara quitarse a vida, mentres un 5,4% presentou un risco elevado de conduta suicida.

Eduardo Fonseca, investigador principal do estudo e profesor titular de Psicoloxía da universidade da Rioxa, engadiu ademais outro dato a este último punto indicando que “as mulleres indicaron maiores dificultades de tipo emocional, ansioso e depresivo e de conduta suicida en comparación cos homes”.

PsiCE é o maior estudo realizado a nivel estatal, ata o de agora, sobre saúde mental infanto-xuvenil e eficacia das intervencións psicolóxicas en contextos escolares, e nel participaron un total de 8.749 adolescentes, con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, de centros escolares de Galicia, Asturias, A Rioxa, Murcia, Andalucía, Valencia, Madrid, e Castela A Mancha.

Segundo os seus autores, este estudo pon de manifesto a ineludible necesidade de promover, protexer e coidar a saúde mental durante a infancia e a adolescencia nas contornas educativas.

Ademais, segundo expuxo Pilar Calvo, coordinadora xeral do estudo e vogal da Xunta do Goberno do Consello Xeral da Psicoloxía, “a promoción do benestar psicolóxico e a prevención dos problemas de saúde mental en contextos educativos supón o mellor investimento por parte da sociedade, os gobernos e as institucións”.

Spread the love