Grupos

«Para os psicólogos e psicólogas é unha formación que sen dúbida, fará reflexionar sobre a súa forma de ver a intervención en crise e con minorías étnicas»
Hafdallah Menni El Ouali

O sábado 18 de marzo, Hafdallah Menni impartirá o Curso “Unha ollada á intervención en crise con minorías étnicas e poboación refuxiada”, organizado polo Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Psicólogo Xeral Sanitario, é profesor colaborador na Universidade Oberta de Cataluña e na súa traxectoria profesional destaca a súa participación en distintos proxectos en materia de protección internacional, trata de seres humanos, persoas en situación de prostitución e menores tutelados e non acompañados.

– En que consiste o curso que vas impartir?

Esta formación pretende achegar aos colexiados e colexiadas as particularidades da intervención en emerxencias con minorías étnicas e poboación refuxiada. Esperase dotar aos e ás participantes dun marco de referencia de intervención psicolóxica con enfoque intercultural. Esta formación quere dar pistas do modo en que é necesario atender ao específico, pero tamén aos factores comúns que, como persoas, están en xogo no escenario multicultural e no noso quefacer profesional.

– Consideras importante a formación específica nesta temática para os/as profesionais da psicoloxía?

É innegable que vivimos nunha sociedade cada vez máis multicultural e diversa. Nos últimos anos vimos que o noso contexto non esta exento aos conflitos que poden xurdir noutros puntos do planeta, e que debemos como profesionais responder, atendendo a persoas que sofren persecución e están obrigadas a un desprazamento forzoso dos seus fogares.

Esta atención ten as súas peculiaridades, os e as psicólogas temos a necesidade urxente de adquirir na nosa formación enfoques máis integradores, coñecer as particularidades ideosincrásticas da poboación coa que intervimos, saírmos do noso esquema cultural de referencia para integrar o da persoa intervida, isto só se logra cunha formación específica e de calidade.

– Que supón para un psicólogo ou psicóloga contar con este tipo de formación?

É unha formación que suma un marco de intervención distinto, global e intercultural.

Unha formación centrada nas persoas intervidas, non só no síntoma, nin tan sequera na causa, senón nas ferramentas personais que seguen preservadas, na bagaxe vital e no cultural que pode ser aliado para curar.

Para os psicólogos e psicólogas é unha formación que sen dúbida, fará reflexionar sobre a súa forma de ver a intervención en crise e con minorías étnicas.

 – Como psicólogo con ampla bagaxe e experiencia con minorías étnicas e poboación refuxiada, que recomendas aos outros profesionais da Psicoloxía facer e/ou non facer cando se atopan en consulta cunha persoa refuxiada ou pertencente a unha minoría étnica?

Unha das premisas para a intervención deste tipo é a pregunta, parece simple e quizais absurdo, pero moitos de nós ante unha persoa culturalmente distinta cóstanos preguntar acerca da súa cultura ou a súa propia percepción sobre algo. Ao non preguntar, ao non ter en conta o seu marco de crenza , actuamos desde o noso e aí é cando se comete o erro. Explicamos termos e actitudes físicas ou morais procedentes da nosa cultura e para a persoa intervida son absolutamente incomprensibles. Cando facemos isto, xeramos máis distancia coa persoa, xeramos incomprensión.

Spread the love
Hafdallah Menni El Ouali
Hafdallah Menni El Ouali