Comisións

«O silencio permítenos sentirnos máis presentes, dar espazo á nosa mente para reflexionar»
Sandra Izaguirre

As psicólogas Ana I. Martínez Arranz, Sandra Izaguirre García e Berta Fernández Méndez guiarán a xornada do 21 de maio.

Quedan dispoñibles as últimas prazas para a práctica presencial en silencio o sábado 21 de maio que organiza a Área de Mindfulness e Compaixón do Espazo de Autocoidado do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

O obxectivo é afondar na práctica de mindfulness e a compaixón. Para coñecer mellor en que consiste esta práctica e os beneficios do silencio, conversamos con Sandra Izaguirre García, que guiará esta xornada xunto con Ana I. Martínez Arranz e Berta Fernández Méndez.

 

En que consiste este “Retiro en silencio” que organiza o Espazo de Autocoidado?

Dentro do Espazo de Autocoidado do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, promovemos a sensibilidade e a consciencia dos beneficios psicolóxicos do silencio. Para iso organizaramos en abril unha xornada en liña, e o 21 de maio teremos esa xornada presencial de práctica de mindfulness e compaixón.  A intención destas xornadas en silencio é profundar, descubrir , experimentar coa práctica e saborear a experiencia do mindfulness e a compaixón ofrecendo unha comprensión máis profunda con axuda do recoñecemento que nos proporciona o silencio.

Como nos afecta o silencio?

As novas tecnoloxías, en moitas ocasións, xérannos ansiedade, tristeza, estrés, desconexión e descenso da nosa creatividade. O silencio axúdanos a vivir con presenza, a penetrarnos no que estamos a pensar, sentindo e facendo…, sen vivir a través doutras persoas e doutras cousas. Anímote a que tentes un apagamento tecnolóxico por unhas horas. Podes desenvolver estes descansos lentamente ata que poidas pasar un día enteiro sen o teu teléfono nin a tablet. A ausencia das vibracións e alertas poderache axudar a vivir dunha maneira máis plena e satisfactoria.

Se describes unha realidade na que o ruído é dominante, como atopar momentos para o silencio?

Vivimos nun mundo complexo pero, con todo, hai momentos ao longo do día nos que podemos manter a intención de dedicalos ao silencio interno. Para empezar a familiarizarte con el podes parar tres minutos e sinxelamente mirar pola xanela e observar o que ves, podes dedicarte a camiñar lentamente un intre ao día, camiñar descalza ou descalzo sobre a area ou a herba, ofrecerte unha ducha consciente, sentar fronte o lume, mirar o ceo, pasear polo campo ou a praia. Anímote a que tomes un momento para notar o teu corpo, os teus sentimentos e realices tres respiracións profundas antes de empezar o día. Proba a desconectar os aparellos electrónicos en diferentes momentos do día. Practica cociñar en silencio permitindo que a quietude da túa casa deixe espazo para a calma, proba a conducir sen a radio acesa. Empezar a practicar pode ter un impacto profundo no teu estado de ánimo e a túa conciencia. Cada día somos máis as persoas que nos sumamos a realizar  mindfulness, meditación, prácticas nas que o silencio está presente.

Pode angustiar o silencio?

O silencio non ten o mesmo significado nin se lle dota da mesma importancia nunha cultura que outra. A nosa cultura occidental non é especialmente rica en momentos de silencio. Na nosa cultura tendemos a asocialo á soidade, o abandono, a tristeza. Aprendemos a saciar “estes baleiros” recorrendo a recursos inadecuados, como persoas que non contribúen, televisión lixo, novas tecnoloxías…, que invaden cada recuncho das nosas vidas, resultando ser prexudiciais e daniños.

Podemos interpretar o silencio como un termómetro da confianza e a intimidade. Usamos palabras, en moitas ocasións, para encher os baleiros que nos produce a inseguridade, a ansiedade, a tristeza que nos moven a unha sensación de soidade que nos aterra. O ruído interno, impide que fagamos silencio para evitar o contacto connosco e nós mesmas.

En que nos axuda?

Poucas veces a ausencia de algo é tan frutífera. Se nos paramos a pensar, en silencio, descubrimos que nos axuda a pensar con máis claridade, a evolucionar interiormente, acougar a nosa mente e regular as nosas emocións. No noso silencio nace a paz e a creatividade, axúdanos a poñernos en contacto co noso mundo interior de coñecemento, sabedoría e de felicidade. Estar en silencio favorece que poidamos parar, recolocarnos e situarnos noutra perspectiva.

A comunicación verdadeira, moitas veces dáse despois dun silencio reflexivo. As decisións importantes tómanse mellor despois dun silencio profundo que propicia o que podamos escoitarnos mellor. Cando foi a última vez que paraches para preguntarte “como estou e que necesito?”

Que efectos ten o son, o ruído, na nosa saúde?

Os nosos oídos están deseñados para estar constantemente alerta. Non podemos pechalos como os ollos, nin aguantar a respiración como co olfacto. Podemos crear e gozar do benestar acústico en espazos abertos, libres de sons artificiais. Esta riqueza podémola atopar en ambientes onde reina o silencio, en lugares onde os niveis de ruído son moi baixos, onde nos podemos relaxar, descansar, concentrarnos e comunicarnos. Unha boa acústica na nosa contorna inflúe no noso benestar físico, psicolóxico e emocional, pero na nosa sociedade moderna o silencio está a converterse nun ben en perigo de extinción.

O silencio permítenos sentirnos máis presentes e estar máis atentos ao mundo, ofrécenos a posibilidade de dar espazo á nosa mente para reflexionar, desbloquear novas formas de pensar e desenvolver un pensamento creativo e nosas mellores ideas. Facer unha pausa permite falar con máis calma e sabedoría.

De feito, en 2013 o biólogo Imke Kirste estaba a probar os efectos do son no cerebro dos ratos e descubriu que a súa ausencia axudaba na creación de novas células no cerebro dos ratos. Estas células parecían converterse en neuronas funcionais. As persoas con demencia e depresión poderían verse moi beneficiadas pola axuda do silencio. A investigación neurofisiolóxica suxire que os  ruídos activan a amígdala e esta activación detona unha inmediata liberación de hormonas do estrés, como o cortisol. As persoas que viven constantemente expostas a ambientes ruidosos experimentan niveis de estrés cronicamente elevados.

Spread the love
Sandra Izaguirre
Sandra Izaguirre