Seccións

«O psicólogo/a educativo/a en cada centro implica maior capacidade de atención, programas de prevención e apoio ao profesorado»
Olegaria Mosqueda e Concepción López impartirán o obradoiro sobre a atención psicolóxica ante incidentes críticos en centros educativos

Cando ocorre un incidente crítico nun centro educativo, a adecuada intervención coa comunidade educativa é esencial para evitar danos maiores ao sufrimento que xa se está vivindo por parte do alumnado, do equipo docente e tamén das propias familias. O GIPCE, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do COPG, conta cun protocolo específico para este tipo de actuacións. Un tipo de intervención tan específico e necesario no contexto educativo non podía faltar no programa das I Xornadas de Psicoloxía Educativa, que comezarán o venres 30 de setembro.

Olegaria Mosqueda Bueno e Concepción López Martín son psicólogas educativas e forman parte da Comisión Coordinadora do GIPCE, ambas as dúas acreditadas como expertas en Psicoloxía en Emerxencias e Catástrofes polo Consejo General de la Psicología. A súa experiencia e formación especializada serán de extraordinaria utilidade para as persoas asistentes ás Xornadas, nun dos obradoiros que se desenvolverán na tarde do sábado 1 de outubro, sobre a atención psicolóxica ante incidentes críticos en centros educativos.

Se desexas asistir, ampliouse o prazo de inscrición para as últimas prazas dispoñibles.

Cales serán as principais achegas para as persoas asistentes ao voso obradoiro?

Olegaria Mosqueda

Olegaria Mosqueda: Comezaremos por coñecer as situación críticas e de emerxencia, que se poden dar nos centros educativos. O coñecemento e a información dannos poder, é moi importante e saber que é o que pode suceder. Non en todos os centros ocorrens situacións críticas pero é importante que coñezamos aquelas que poden darse. Tamén explicaremos os procedementos a seguir e as pautas de intervención ante as distintas situacións. E a formación permítenos a capacidade de acción ademais de rebaixar e controlar o nivel de ansiedade polo medo ante as situacións descoñecidas.

Concepción López: Precisamente hai anos creouse dentro do GIPCE un grupo de traballo para facer un protocolo de intervención en centros educativos para establecer unhas pautas comúns neste tipo de actuacións.

A partir da vosa experiencia intervindo en emerxencias, en que situación creedes que se atopa na psicoloxía en situacións críticas en contextos educativos?

O.M. Con 40 anos de experiencia en centros educativos, tanto en residencias de internado, como en docencia, en orientación e intervención psicolóxica e educativa;  o que eu observei o longo  deste tempo é un aumento, non aritmético senón xeométrico. Un 25% dous mozos e mozas toma psicofármacos e a metade manifesta ter sufrido problemas psicolóxicos, psiquiátricos ou de saúde mental. Cuadriplicouse a necesidade de atención a alumnos con casos de ansiedade, de depresión, estrés… Xa non digamos os tristes acontecementos de suicidios, uns intentos, outros consumados, nos adolescentes. Unha situación que antes practicamente non existía, desde logo non coa frecuencia que hai agora. Supón unha grande alarma e perda para todos os profesionais: docentes, familias, orientadores e psicólogos… ademais dunha impotencia e responsabilidade social.

Concepción López

C.L.: Cada ano son máis numerosas as intervencións que realizamos en centros educativos por mor dun incidente crítico, a meirande parte son debidas ao falecemento súbito dun alumno/a ou profesor/a, a mortes violentas polo asasinato dun menor ou dun familiar, por accidentes de tráfico, e cada vez máis, como xa indicou Olegaria, por tentativa ou consumación do suicidio. É evidente que todas estas situacións críticas golpean duramente á comunidade educativa e por desgraza non existe unha formación específica nestes temas para os equipos directivos, inspección, EOE, orientadores, titores e profesorado en xeral. Tampouco está establecido por parte da Consellería de Educación un protocolo de actuación agás o Protocolo de prevención, detección e intervención do risco suicida no ámbito educativo.

Cal sería o modelo máis apropiado para esta atención?

O.M. Tería que ser un modelo preventivo e integrado en cada centro educativo, dirixido a familias, a profesores e ao alumnado de maneira que todos eses grupos estean informados das situacións críticas que poden vivirse. É moi importante o psicólogo educativo en cada centro porque implica unha maior capacidade para atender os casos, realizar programas de prevención, apoiar ao profesorado en situacións así. Tamén sería importante que nese modelo integrado houbese unha coordinación cos centros de saúde: temos información de que Sanidade está a facer un estudo dos adolescentes e a súa saúde mental, pero necesítase unha maior dotación e mellorar os servizos de saúde mental de adolescentes para atender a eses casos.

C.L.: Ademais do indicado por Olegaria, cómpre facer unha pedagoxía da morte e traballar co alumnado este tema como algo transversal en todas as etapas educativas.

Nunca tivo tanta presenza a saúde mental na axenda pública como neste momento, especialmente sobre a poboación adolescente. Que podería achegar a psicoloxía dentro do sistema educativo?

O.M. Si, é certo que hai moita presenza verbal e mediática, pero non unha presenza de acción. A sociedade está a esperar, pero necesitamos algo máis, unha implementación de programas nos centros, dentro da actividade da comunidade educativa. O profesorado docente non está preparado para abordar esas temáticas tan complexas e especializadas, isto lévanos á necesidade de persoal especializado como son os psicólogos educativos nos centros. Desde o Consejo General de la Psicología a nivel nacional xunto ca Universidade da Rioxa, con psicólogos educativos con anos de traballo e experiencia estase a facer un estudo- investigación da saúde mental dos mozos e o benestar emocional. Xa se fixo na primeira fase e implementouse precisamente un programa con alumnos en distintas sesións abordando por unha banda o autocontrol, a relaxación, a autoestima, e doutra banda, as condutas, a identificación de emocións e condutas. Os resultados son moi interesantes e positivos. Este traballo tería que ser extensivo, que non quede como unha investigación, senón dentro da atención nos centros. Facer prevención e intervención en educación non é complicado, fíxose con outros temas, como a prevención de drogas.  É importante que agora nos centremos nun programa de atención ao benestar emocional e saúde mental dos nosos mozos e mozas a nivel preventivo, de detección, intervención e derivación cando sexa necesario.

Cando o GIPCE intervén nun centro, como é recibida esa intervención por parte do resto da comunidade educativa?

O.M. O primeiro é de alivio, porque ante a incerteza, o descoñecemento e o medo para afrontar unha situación tan dura como é, por exemplo, a morte súbita dun alumno nun patio de recreo ou o suicidio dunha alumna, o profesorado está desbordado a pesar dos seus moitos anos de experiencia. É un alivio poder contar con profesionais que lles imos axudar, que primeiro imos escoitar as súas dúbidas, os seus sentimentos, as súas emocións e despois, darlles confianza para que poidan actuar, que poidan levar a cabo as pautas adecuadas á cada situación, en consonancia co carácter do incidente. Acompañámolos e non intervimos directamente co alumnado porque preparamos o profesorado, para que sexan eles os que transmitan a noticia. O profesorado consegue maior seguridade e confianza para comunicar aos alumnos a situación, están próximos, coñecen o alumnado, acóllenos, apóianos e son as persoas máis próximas a eles, despois da familia. É máis, ás veces solicitan con posterioridade formación para os profesores, ven a necesidade de cursos de autocoidado, de afrontamento do dó, de prevención do suicidio… Cando é necesario, tamén facemos intervención individual tanto o alumnado como o persoal que o precise.

Spread the love
Olegaria Mosqueda e Concepción López impartirán o obradoiro sobre a atención psicolóxica ante incidentes críticos en centros educativos
Olegaria Mosqueda e Concepción López impartirán o obradoiro sobre a atención psicolóxica ante incidentes críticos en centros educativos