Destacado

O músico James Rhodes recollerá este venres o galardón “Dolores Llópiz” do Colexio Oficial de Psicoloxía
James Rodhes

James Rhodes, gañador do Premio Dolores Llópiz – Psicoloxía e Sociedade 2025 do COPG

O pianista e escritor James Rhodes recibirá este venres 6 de xuño o premio Dolores Llópiz “Psicoloxía e Sociedade”, que entrega o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en recoñecemento á súa contribución na sensibilización sobre os problemas de saúde mental e na defensa dos dereitos da infancia. Será no marco do acto “Achegas da Psicoloxía”, que comezará ás 19 horas no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

O galardón Dolores Llópiz, de carácter anual, distingue a persoas, institucións ou colectivos que colaboran co desenvolvemento da psicoloxía e na mellora do benestar social. A Xunta de Goberno do Colexio de Psicoloxía quixo recoñecer o papel de James Rhodes nos seu compromiso na sensibilización sobre os problemas de saúde mental, a protección dos dereitos da infancia e a defensa da accesibilidade á atención psicolóxica de xeito universal.

Ademais, Rhodes foi clave no proceso para a promulgación da Lei Integral de Protección á Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia, unha norma fundamental para garantir a seguridade e benestar da infancia en España. O seu activismo social abrangue outras problemáticas contemporáneas, como as migracións, a igualdade e a loita contra os discursos de odio, que defende con paixón, dignidade e unha notable capacidade de comunicación.

Premios Xoán Vicente Viqueira de Comunicación

Tamén se entregarán os IV Premios Xoán Vicente Viqueira que convoca o COPG xunto coa aseguradora Brokers’88, co que se pretende recoñecer o labor divulgativo da psicoloxía nos medios de comunicación, primando a ética, a responsabilidade e as boas prácticas ao tempo que se desmenten pseudociencias e pseudoterapias. A psicóloga Gema Zunzunegui Lamas foi a merecedora do galardón na categoría de Comunicación, polo seu artigo “Referentes para identificar. Espazos para nomear. Acompañamentos para curar”, publicado no xornal online Praza Pública. Na categoría de Xornalismo, o xurado escolleu a reportaxe “La comunidad sigue sin tocar techo en el uso de antidepresivos: un 52% más en 10 años”, publicada no xornal Faro de Vigo pola xornalista Carmen Villar.

Ademais, o xurado decidiu outorgar unha mención especial ao texto da xornalista Ana González Liste “Menos recursos emocionais, máis autoesixencia: a mocidade pide referentes para abordar a saúde mental”, publicado en Praza Pública.

Outros recoñecementos

A gala servirá tamén para render homenaxe aos colexiados e colexiadas que contribuíron de xeito destacado, que serán Mercedes Castro Bal, María José López Torrón e José Luis Rodríguez-Arias Palomo. Así mesmo, tamén se entregará un agasallo conmemorativo ás psicólogas e psicólogos que celebran o seu 25 aniversario de colexiación.

O acto será conducido polo xornalista Luís Pardo, e contará co acompañamento musical do grupo Luceiro, da A.C. Mestre Manuel Gacio.

 

Recibiron o galardón Dolores Llópiz en anos anteriores: 

2024. Verónica Boquete (deportista)

Polo seu lonxevo compromiso coa igualdade desde o deporte, así como a posta en valor da psicoloxía neste ámbito e en xeral, na sociedade, reivindicando vencer os tabús que rodean os problemas da saúde mental e o acceso a unha atención profesional.

2023. Plataforma e Organizacións de Infancia de Galicia (POIG)

Polo seu compromiso coa infancia e a adolescencia da nosa comunidade, prestando especial atención a aqueles que sofren discriminación, desamparo ou se atopan en risco de exclusión social.

2022. Movemento Galego da Saúde Mental

Polo seu compromiso co coidado da saúde mental da comunidade e a defensa dos dereitos á atención nos servizos públicos.

2020/21. Uxía (cantautora)

Polo seu compromiso coa dignidade humana, coas problemáticas sociais e coa cultura galega nas súas múltiples disciplinas creativas.

2019.Ángel Carracedo Álvarez (científico)

Polo seu papel como investigador e divulgador científico, polas súas contribucións no ámbito da neuropsicoloxía, o que o sitúa como un referente internacional.

2018.Amelia Valcárcel (filósofa)

Pola súa contribución como docente e filósofa a unha defensa da ética profesional e do compromiso social, ademais do seu papel como mestra da teoría política feminista na nosa sociedade, sen perder de vista outras realidades máis duras no planeta.

2017. Fundación Andrea

Polo seu labor coa infancia en Galicia, apoiando ás familias de nenos e nenas que padecen enfermidades longas ou crónicas. 

2016. Rede Galega de Loita contra a Pobreza

Polo seu traballo por colectivos en situación de vulnerabilidade e dar voz ás persoas que sofren con virulencia as consecuencias da exclusión e que non atopan outra posibilidade de representación.

2015. Eduard Punset (divugador científico)

Polo seu labor achegando profesionais e estudos internacionais sobre o comportamento humano, a neuropsicoloxía e as emocións, para comprender mellor o desenvolvemento da persoa.

2014. Veciñanza do barrio de Angrois

Polo seu comportamento xeneroso, exemplar e altruísta que axudou a salvar vidas no tráxico accidente do tren Alvia acontecido en Santiago de Compostela a noite do 24 de xullo de 2013.

2013. José Luis Sampedro Sáez (escritor e humanista)

Pola súa sensibilidade, o seu compromiso social, as súas reivindicacións, a súa coherencia e actitude persoal, e polas súas palabras cun enorme poder de visualización e defensa da dignidade humana.

2012. Gemma Nierga (xornalista)

Polo compromiso e a sensibilidade demostrados no seu traballo, contribuíndo á visibilización e á desestigmatización da enfermidade mental ou de persoas na prisión. 

2011. Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica

Polas súas valiosas achegas ao coidado e á recuperación da memoria histórica, un acto de xustiza fundamental para dignificar as persoas e os pobos.

2010.Carlos Varela García (Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia)

Por ter contribuído desde a súa profesión a avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria a través das iniciativas que promove e polo seu enfoque da intervención en problemáticas de carácter social.

2009. Joel Gómez (xornalista)

Pola súa contribución á sensibilización social coa divulgación da psicoloxía a través dos medios de comunicación desde hai moitos anos, pola súa dedicación e a súa entrega.