Destacado

O I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias remata reivindicando a integración destes profesionais nos dispositivos de emerxencias das Comunidades Autónomas

O I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias, celebrado do 2 ao 4 de maio en Santiago de Compostela e que reuniu a máis de 400 participantes procedentes de todo o conxunto do Estado, pechou coa reivindicación da integración deste tipo de profesionais nos dispositivos de emerxencias das Comunidades Autónomas.

Organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia baixo o lema «Sostendo emocións nas emerxencias», o Congreso foi o maior encontro estatal sobre atención psicolóxica en situacións críticas. Neste encontro, púxose de manifesto que a Psicoloxía de Emerxencias non se limita só á atención psicolóxica a persoas afectadas por unha situación de crise, emerxencia ou desastre, senón que tamén ten un papel importante na prevención (como por exemplo, no caso da conduta suicida), na concienciación social (para evitar condutas de risco, entre outras casuísticas) e incluso na investigación, onde se fixo fincapé no amplo campo para realizar estudos que amplíen a base científica neste eido.

A Psicoloxía de Emerxencias revélase como unha rama da Psicoloxía cun papel moi importante no afrontamento das crises derivadas de diversas situacións: desastres naturais, accidentes, violencia de xénero, suicidios consumados, mortes de menores…. E, polo tanto, faise necesaria a profesionalización e a integración dos profesionais da Psicoloxía de Emerxencias dentro dos dispositivos de atención á emerxencia e nos Plans de Emerxencias Territoriais de cada comunidade autónoma.

Durante os tres días do evento, os asistentes puideron desfrutar dun programa variado e completo, que incluíu conferencias, obradoiros e simposios impartidos por 44 expertos e expertas neste campo, que constitúe unha ferramenta fundamental para axudar ás persoas e comunidades a enfrontar e integrar o impacto das situacións críticas nas súas vidas.

O programa científico abordou unha ampla gama de temas, desde a terapia EMDR ata a atención ao continuo suicida, pasando polas intervencións psicolóxicas en emerxencias multinivel, os aspectos legais da intervención psicolóxica e a teoría do apego e a neurociencia en situacións de crise. As conferencias e os simposios foron complementados por visitas a institucións como a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e momentos de networking que permitiron o intercambio de coñecementos e experiencias entre os e as profesionais asistentes.

Na parte das comunicacións libres, o comité científico destacou a calidade dos traballos presentados. Resultaron premiadas en formato póster «Programa de intervención psicológica en centros educativos después de un suicidio consumado», presentada por Nuria Andrés Sánchez, xunto coa comunicación oral «Proyecto de asistencia psicológica a personal de UNRWA», por Sara Laguna Bonilla.
Ao longo do congreso, quedou patente a relevancia da psicoloxía en contextos de crise e a necesidade de seguir avanzando na formación e investigación neste ámbito. O éxito desta primeira edición do Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias abre o camiño para futuras iniciativas que contribúan ao desenvolvemento e consolidación desta disciplina tan necesaria.

 

.

 

Spread the love