O xoves 9 de outubro o Grupo de Traballo de Interculturalidade da Sección de Psicoloxía da Intervención Social do Colexio Oficial de Psicoloxía acompañou á profesora Mónica Alzate na clase de Psicoloxía da Intervención Social e Comunitaria na Facultade de Psicoloxía en Santiago de Compostela. O obxectivo era reflexionar sobre o impacto da Islamofobia, propoñer estratexias para a creación de comunidades inclusivas e ofrecer claves para a intervención.
O relatorio foi dirixido pola colexiada Omneia Sadek El-Shahat (G-6805) compañeira medio galega e medio exipcia que aportou as súas vivencias como muller musulmá. Omneia guiounos polas repercusións psicolóxicas e sociais da islamofobia e o seu impacto no eido educativo e laboral, destacando a dobre discriminación que sofren as mulleres, por xénero e por relixión. Un factor que se revelou importante foi a carencia de redes de apoio, o que pode intensificar calquera efecto da discriminación. O debate sobre o hijab serviu para ilustrar as feridas ocasionadas polo rexeitamento social.
Respecto á intervención, Omneia salientou a confidencialidade como elemento que debe impregnar todo o proceso: avaliación, psicoeducación, regulación emocional, reconstrución da autoestima ou empoderamento, mantendo sempre un enfoque intercultural e dos dereitos humanos.
O 14 de novembro repetiuse o relatoriona asignatura Inmigración, Pobreza e Desarraigo, impartida pola profesora Anaïs Quiroga. Participou tamén a colexiada Pilar Canosa (G-1539) aportando a súa experiencia en mediación intercultural con persoas solicitantes de protección internacional. Pilar subliñou a necesidade dunha intervención comunitaria orientada á participación e centrada nas potencialidades da persoa, sempre desde unha perspectiva feminista e intercultural. Por suposto, a potente ferramenta da Mediación tamén tivo o seu espazo.
Os relatorios encheron as aulas, promovendo un diálogo enriquecedor que permitiu ao alumnado comprender mellor a Interculturalidade, os efectos da Islamofobia e a importancia de construír comunidades inclusivas. Compartiuse unha inquedanza: faltan espazos de encontro para o diálogo e a participación, e tamén compromiso por parte das políticas públicas e os medios de comunicación.
