
De esquerda a dereita: Julita Mª Touriño e Ana Mª Núñez
Nun artigo de opinión publicado en La Voz de Galicia, Ana Mª Núñez Rubines e Julita Touriño Araújo, membros da Comisión Coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), lembran que a intervención psicolóxica resulta esencial para favorecer a recuperación emocional das persoas afectadas e fortalecer a súa capacidade para afrontar as consecuencias dunha emerxencia.
As autoras destacan o labor que desenvolven os equipos de intervención psicolóxica en coordinación cos servizos de emerxencias, prestando apoio tanto ás persoas directamente afectadas como aos profesionais que participan na resposta aos incendios. Ademais, poñen en valor o traballo que o GIPCE realiza en Galicia desde hai tres décadas na atención ás vítimas de catástrofes e emerxencias.
Os incendios forestais deixan unha fonda pegada que vai moito máis alá dos danos ambientais e materiais. As persoas que perden as súas vivendas, os seus medios de vida ou se ven obrigadas a abandonar o seu fogar poden experimentar medo, incerteza, ansiedade, tristeza ou impotencia, reaccións emocionais que forman parte dunha situación de crise e que tamén precisan atención especializada.
O artigo conclúe cun chamamento á solidariedade coa cidadanía afectada polos incendios e cun recoñecemento ao labor dos corpos de emerxencias e dos equipos profesionais que traballan para protexer ás persoas e acompañalas tamén no proceso de recuperación emocional.
ENLACE: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2026/07/30/arde/0003_202607G30P14995.htm
