Grupos

O GIPCE participa nun simulacro no aeroporto de Santiago de Compostela

O GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias) do COPG participou o 16 de marzo nun simulacro de accidente aéreo que tivo lugar no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela co obxectivo de analizar a coordinación dos distintos colectivos que actuarían ante unha emerxencia destas características e avaliar a capacidade de resposta e os procedementos establecidos no seu Plan de autoprotección e os doutros organismos implicados, ao mesmo tempo que se ensaia a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no nivel 2 e do Plan de atención a vítimas e familiares.

Neste simulacro participaron as Gipces Ana Mª Núñez Rubines (G-3022), Laura Amigo Godón (G-5278), María Silvia Pérez González (G-5385) e Jessica Brea Pereiro (G-5462).

Unha parte do simulacro centrouse no que sería a atención aos familiares das vítimas. En accidentes destas características, adoitan desprazarse varios familiares ata o lugar dos feitos, de aí que sexa importante verificar os protocolos e procedementos neste ámbito. Neste caso contemplouse a habilitación dun Centro de Recepción de Chamadas para os familiares que se atopan fóra de Santiago e desexasen desprazarse como un Centro de Atención a Familiares desde o que se puidese prestarlles unha atención máis adecuada e a información actualizada.

Este tipo de simulacros son moi importantes como adestramento para as intervencións reais, xa que son unha ferramenta de preparación para garantir a eficacia ante ás posibles emerxencias. No caso dos simulacros xerais aeronáuticos débense realizar cada dous anos para dar cumprimento ao Plan de Emerxencia do aeroporto.

Formación a outras entidades
Ademais, ao longo dos meses de marzo e abril, o GIPCE ofreceu formación a entidades externas:

Instalacións da AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública).

  • José Ramón García Gómez asistiu o 17 de marzo ás V Xornadas Anuais Tesgalicia en Expourense, nas que impartiu unha charla sobre atención en tentativas de suicidio e acompañamento de persoas atrapadas e pacientes agresivos.
  • Durante os meses de marzo e abril impartíronse na AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) tres edicións do curso «Apoio psicoloxico básico e manexo do estrés en situacións críticas de emerxencia e catastrofe», dirixidos a voluntarios e profesionais de emerxencias. As docentes foron Raquel Malvárez García, Mª Luz Losada Somoza e Olegaria Mosqueda Bueno.
  • O 6 de abril, Ana M Núñez Rubines impartiu o seminario «Intervención Psicolóxica en catástrofes e emerxencias » na Facultade de Psicoloxía, dentro da programación do Máster de Psicoloxia Xeral Sanitaria da USC.
Spread the love
Imaxe do simulacro no aeroporto Rosalía de Castro (imaxe: Xunta de Galicia)