Os retos actuais na xestión dos recursos humanos e como as empresas deben adaptarse para atraer e reter aos mellores profesionais foron o punto de partida do almorzo-coloquio “O futuro da xestión do talento: Da gran renuncia á gran retención“, organizado conxuntamente pola Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e a Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) o pasado 10 de marzo en Vigo.
A xornada puxo de manifesto a importancia de desenvolver unha estratexia de xestión do talento adaptada ás necesidades e expectativas das persoas traballadoras, nun contexto de competencia cada vez máis intensa polo capital humano, así como a importancia de crear un ambiente laboral saudable e motivador para fidelizalas.
Interviron Cristina Martín Vázquez, directora de Recursos Humanos de Optare Solutions; Emilio Pérez Troncoso, responsable de Desenvolvemento Profesional e Profesor de Dirección de Recursos Humanos da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) e Presidente de AEDIPE Galicia, e Ana María Entenza Vidal, secretaria da Sección de PTO e directora de proxectos da área de Formación e Desenvolvemento e da área de Captación de Talento de EGA Consultores. Ademais, o evento foi conducido por Julio Pérez Domínguez, xefe da sección de Economía do Faro de Vigo.
Entre os temas abordados destacaron a importancia da marca empregadora, a flexibilidade laboral, o desenvolvemento de carreira, a formación continua e o clima laboral como factores clave para atraer e reter aos mellores profesionais. Tamén se analizou a necesidade de adaptarse ás novas xeracións de traballadoras e traballadores, con expectativas e formas de traballar diferentes ás das xeracións precedentes.
Este encontro responde á necesidade de atopar solucións aos desafíos da atracción e retención do talento na nosa comunidade. A preocupación en torno ao desaxuste existente entre a oferta e a demanda de emprego intensificouse nos últimos tempos, especialmente polo sobrequecemento do mercado laboral por mor da pandemia.