Información Xeral

No Día Internacional do Autocoidado poñemos o foco na importancia de coidar da saúde mental

Antes de poder coidar doutras persoas, é necesario aprender tamén a coidarse a si mesma/o. Con motivo do 24 de xullo, Día Internacional do Autocoidado, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) lembra que o autocoidado non é un luxo nin un premio, senón unha necesidade para preservar o benestar físico, emocional e social ao longo da vida.

O ritmo acelerado do día a día, as responsabilidades laborais, familiares e persoais, ou a dificultade para establecer límites poden provocar un desgaste progresivo que, de non atenderse, favorece a aparición de problemas como o estrés crónico, a ansiedade ou o burnout. Por iso, o autocoidado implica tamén recoñecer cando se precisa apoio e dar o paso de solicitalo.

Neste sentido, desde o COPG sublíñase que pedir axuda tamén é unha forma de autocoidado. Contar co acompañamento de profesionais da Psicoloxía colexiados e colexiadas permite adquirir ferramentas para afrontar as dificultades, recuperar o equilibrio emocional e previr que o malestar se cronifique.

A saúde mental constrúese tamén a través dos pequenos xestos cotiáns: respectar os tempos de descanso, atender ás propias necesidades, cultivar relacións saudables ou buscar apoio cando é necesario. Coidarse é unha responsabilidade persoal, pero tamén un investimento en saúde e calidade de vida.

Autocoidado
24 de xullo, Día Internacional do Autocoidado