No Día Mundial da Saúde Mental, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) subliña que a saúde mental é un dereito esencial que aínda non se garante de maneira axeitada na nosa comunidade. A pesar dos avances normativos, a inxustiza e as dificultades de acceso á atención psicolóxica seguen a afectar a miles de galegos e galegas, especialmente aqueles en situación de vulnerabilidade. A Organización Mundial da Saúde (OMS) lembra que a saúde mental é un dereito universal, pero en Galicia os obstáculos estruturais continúan privando á cidadanía dunha atención digna e accesible.
Un dos problemas máis graves segue sendo a alta taxa de suicidios. En 2022, 340 galegos e galegas perderon a vida por esta causa, cunha taxa de suicidio un 37% superior á media estatal. Tendo en conta as estimacións da OMS que indican que, por cada morte por suicidio, prodúcense 20 tentativas, o que en Galicia representaría 6.400 intentos ao longo do pasado ano.
Outra preocupación reside no elevado consumo de psicofármacos. Segundo a última Enquisa Europea de Saúde en España de 2020, Galicia mantén cifras alarmantes en canto ao uso de ansiolíticos e antidepresivos, con taxas un 50% e un 72% superiores á media española, respectivamente.
O COPG advirte de que estas cifras non son casualidade, senón reflexo directo da precarización das condicións de vida da cidadanía. A inflación, o encarecemento da vivenda, a precariedade laboral e o deterioro dos servizos públicos son factores que afectan á saúde mental da poboación. A saúde mental non pode ser tratada illadamente, é fundamental abordar as causas estruturais que a empeoran partindo dunhas condicións mínimas de vida.
Un sistema de atención insuficiente e desigual
Unha intervención comunitaria é fundamental para mellorar a saúde mental, pero non suficiente. O sufrimento psíquico non é só consecuencia das condicións sociais; cada persoa experimenta a dor de maneira única e idiosincrásica, polo que as respostas deben adaptarse ás súas circunstancias individuais. As persoas teñen o dereito a ser coidadas cando se senten superadas polas súas situacións vitais e emocionais. Este coidado debe ser público, accesible e de calidade, pero en Galicia ese dereito aínda non está garantido. A precariedade da atención psicolóxica condena a moitas persoas a longas listas de espera, tratamentos inadecuados ou insuficientes, e a unha cronificación do seu sufrimento.
A atención á saúde mental en Galicia presenta iniquidades e dificultades no acceso. Aínda que o Plan Galego de Saúde Mental 2020-2024 incrementou o número de psicólogos clínicos no SERGAS nun 48%, seguimos sen acadar os niveis necesarios para garantir unha atención axeitada. Actualmente, contamos con 5,2 psicólogos por cada 100.000 habitantes, unha cifra moi por debaixo dos 12 por cada 100.000 que supón a recomendación estimada necesaria para atender as necesidades da poboación.
Ademais, existen importantes desigualdades entre as diferentes áreas sanitarias, con zonas como Ferrol alcanzando rateos de 7 psicólogos por cada 100.000 habitantes, mentres que en Pontevedra apenas superan os 4. Estes desequilibrios fan que moitas persoas vexan vulnerado o seu dereito á atención psicolóxica.
O papel da Atención Primaria e a importancia dunha resposta comunitaria
A administración galega debe afrontar dunha vez por todas a carencia histórica na planificación e dotación de profesionais suficientes para atender a saúde mental da poboación. E debe facelo sostendo a aposta por unha formación de calidade dos especialistas, que se vén intensificando nos últimos tempos coa duplicación das prazas PIR dende o 2021. O modelo actual de atención hospitalaria demostrou a súa ineficacia para as necesidades dunha poboación que vive nun contexto social diferente. É imprescindible desenvolver un novo modelo de atención que non só se centre no ámbito sanitario, senón que inclúa tamén a comunidade e poña énfase na prevención, pensado de xeito colaborativo entre todos os axentes implicados.
Dende o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, levamos tempo propoñendo que a Atención Primaria pode ser un espazo clave para abordar a saúde mental da poboación. Celebramos a recente promesa do goberno galego de desenvolver a Psicoloxía Clínica neste nivel asistencial, pero lembramos que é necesario un traballo conxunto entre os diferentes axentes sociais e sanitarios para garantir que se faga de maneira adecuada.
Así mesmo, a integración de psicólogos nos centros educativos é outra medida que consideramos fundamental para previr problemas de saúde mental en nenos e adolescentes, dado que Galicia lidera o consumo de psicofármacos entre a poboación menor de 15 anos.
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia fai un chamamento urxente ás administracións para que tomen medidas inmediatas e efectivas, que permitan superar os déficits estruturais no acceso á atención psicolóxica e poñan fin a esta situación de inxustiza. Unha atención psicolóxica digna e de calidade é un dereito de todas as persoas, independentemente do lugar onde vivan ou da súa situación económica.