Destacado

O COPG recoñece as achegas da deportista Verónica Boquete e do psicólogo Xabier Macías

Xabier Macías Virgós, Colexiado de Honra

A Asemblea de Colexiadas e Colexiados do COPG acordou conceder a distinción de Colexiado de Honra ao psicólogo Xabier Macías Virgós, en recoñecemento ao rigor e á entrega en todas as responsabilidades que afrontou no COPG. Xabier Macías foi o máximo representante do COPG nunha época moi intensa da historia da nosa institución, tanto na Xunta Reitora como liderando o complexo proceso de segregación e constitución no Colexio Autonómico. Cómpre destacar, así mesmo, o seu inquebrantable compromiso coa defensa dunha atención psicolóxica garantida e accesible nos distintos servizos públicos; unha visión que permanece na cultura institucional do COPG a día de hoxe.

Verónica Boquete, premio Dolores Llópiz – Psicoloxía e Sociedade 2024

A entrega deste recoñecemento farase no acto Achegas da Psicoloxía o vindeiro 7 de xuño, no que tamén se entregará o Premio “Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade 2024”, galardón creado para distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da nosa profesión. A Xunta de Goberno do COPG acordou outorgar o premio nesta edición a Verónica Boquete, futbolista profesional, polo seu lonxevo compromiso coa igualdade desde o deporte, así como pola posta en valor da psicoloxía neste ámbito e en xeral na sociedade, reivindicando vencer os tabús que rodean os problemas da saúde mental e o acceso a unha atención profesional.

 

Nese mesmo encontro terá lugar a entrega do recoñecemento a aqueles/as psicólogos/as que contribuíron á profesión desde os seus inicios e que tiveron como áncora a colaboración coa profesión, canalizada en numerosas ocasións a través do desenvolvemento do noso Colexio e en defensa da profesión. Tamén se efectuará un recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que levan 25 anos de vida colexial, así como a entrega dos III Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira do COPG.

 

Spread the love