O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia participou activamente no Simposium de Innovación Tecnolóxica e Compromiso Social que organizou Unión Profesional de Galicia 2025 en Santiago de Compostela o día 10 de maio de 2025. Por unha banda, realizou a entrega do recoñecemento ao psicólogo colexiado Rubén Villar Trenco pola súa destacada traxectoria profesional co Premio á Excelencia e o Compromiso Profesional. Rubén Villar é coordinador do Programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar «Abramos o círculo» desde 2013, e desde 2018 coordina, xunto con Fátima López, a Quenda de Garda psicolóxica para as vítimas de violencia de xénero, ambos programas do COPG conveniados coa administración galega. Ao longo da súa ampla traxectoria, destaca o seu compromiso coa igualdade, coa prevención das violencias machistas e co dereito á atención psicolóxica das vítimas.

Mª Rosa Álvarez, decana do COPG
Previamente, no programa do Simposio, o COPG organizara a mesa redonda “A saúde mental na encrucillada”, un espazo de reflexión sobre os retos urxentes neste eido. A mesa foi inaugurada pola decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada, quen contextualizou a situación da atención á saúde mental en Galicia a partir do recente informe do Consello de Contas. Sinalou o deterioro das condicións asistenciais, especialmente para colectivos vulnerables como infancia, adolescencia, persoas maiores e mulleres. Destacou tamén o alarmante incremento do 52% na prescrición de psicofármacos a menores entre 2019 e 2023, subliñando a ausencia dun sistema de saúde mental estruturado e planificado na comunidade.
O debate contou coa participación de Rosa Cerqueiro Landín, do Movemento Galego da Saúde Mental; Hipólito Puente Carracedo, vicedecano do COPG; Mª Soledad Agra Tuñas, deputada da Deputación da Coruña; e a escritora Antía Yáñez, baixo a moderación da xornalista Eliana Martíns. As intervencións coincidiron na denuncia dun sistema sanitario incapaz de ofrecer unha resposta eficaz e accesible, cun número insuficiente de profesionais —apenas 5 psicólogos/as por cada 100.000 habitantes fronte aos 12 recomendados— e con listas de espera que comprometen calquera posibilidade terapéutica real.

De esquerda á dereita: a escritora Antía Yáñez, a psicóloga Rosa Cerqueiro, a deputada Soledad Agra, a xornalista Eliana Martíns e o psicólogo Hipólito Puente.
Tamén se puxo o foco na mocidade e nos centros educativos, onde se reivindicou a creación dun perfil específico de psicoloxía educativa, como xa existe noutros países europeos, para atender situacións “subclínicas” antes de que deriven en trastornos máis graves. A prevención e a intervención temperá foron sinaladas como claves para mellorar non só o benestar psicolóxico, senón tamén indicadores como o absentismo e o fracaso escolar.
A dimensión sociocomunitaria da saúde mental foi outro dos eixos centrais, salientando a importancia de actuar sobre as condicións materiais de vida —vivenda, coidados, vulnerabilidade social— que inciden directamente no benestar psíquico.
Con esta iniciativa, o Colexio de Psicoloxía deu un paso máis para poñer no centro do debate público a necesidade dunha resposta transversal, estrutural e digna ás demandas da saúde mental na sociedade galega actual nos diversos contextos.