A promoción da igualdade no ámbito do deporte, como camiño para erradicar a violencia de xénero, foi a premisa da mesa de debate que este martes 26 de novembro, impulsaron desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Comisión PEA-UNESCO, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo, situada no Campus de Pontevedra.
A coordinadora da Comisión Intersectorial de Deporte, Mª Carmen González Hermo, xunto co colexiado Iago López Roel, membro desta Comisión, coincidiron nas súas intervencións en sinalar en que no deporte, tal e como acontece no resto da sociedade, tamén existe a necesidade de continuar avanzando na igualdade. Ademais, tamén se resaltou a capacidade do ámbito do deporte para axudar a detectar situacións de violencia machista e do seu impacto psicolóxico.
Nesta palestra tamén participaron Anabel Gulías, concelleira responsable das áreas de Igualdade e Deporte no Concello de Pontevedra; a karateka Ruth Lorenzo e mais a piragüísta Claudia Couto, que expuxeron as súas experiencias.