Destacado

O COPG participa no «Protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual e por razón de sexo/xénero nas artes escénicas»

A Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada, e en representación do mesmo participou este 15 de novembro na presentación oficial e sinatura do «Protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual por razón de sexo ou xénero nas artes escénicas»; presentación á que acudiron tamén Sandra Vázquez Domínguez (Secretaria Xeral de Igualdade), Patricia de Lorenzo González (vicepresidenta da Xunta Directiva da Escena Galega) e os representantes das nove asociacións asinantes.

O COPG comprometeuse a unha participación activa na posta en práctica deste proxecto nos seguintes procesos: na organización de seminarios, xornadas e cursos onde as psicólogas e psicólogos especializados se encarguen da formación dos socios das entidades asinantes; no apoio por parte das persoas colexiadas durante o proceso de información e acompañamento á vítima e á persoa instrutora da Comisión de acompañamento;  o facilitamento do contacto cos profesionais especializados para a intervención psicoterapéutica (tanto á vítima como á persoa acosadora), e a transmisión de información e o asesoramento sobre recursos e programas do COPG e outras entidades para atención psicolóxica tanto para a vítima como para a persoa agresora.

É, pois, un proxecto moi importante porque falamos moito da prevención da violencia e do acoso contra as mulleres, pero poucas veces se fai porque está diluída a responsabilidade, así que cómpre poñer en valor o traballo realizado para levar adiante este protocolo. Para o Colexio foi moi gratificante poder participar na súa elaboración e agora poder acompañar na súa aplicación.

 

Spread the love