Información Xeral

O COPG inicia unha colaboración coa Delegación Rexional do Norte da Ordem dos Psicólogos Portugueses

Este 25 de febreiro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) recibiu na súa sede a unha representación da Delegación Rexional do Norte da Ordem dos Psicólogos Portugueses, nun encontro institucional destinado a fortalecer a cooperación entre ambas entidades.

Na xuntanza participaron o Presidente da Delegação Regional Norte da Ordem dos Psicólogos Portugueses, Gaspar Ferreira, xunto cos vogais Cristina Fafiães Oliveira e Alexandre Teixeira, mentres que por parte do COPG asistiron a decana Mª Rosa Álvarez Prada, e os vogais da Xunta de Goberno Ricardo Fandiño e José Manuel Oreiro. O principal obxectivo foi explorar vías de colaboración e impulsar proxectos conxuntos de interese para as dúas organizacións, reforzando así os lazos entre a psicoloxía galega e portuguesa e favorecendo o intercambio de coñecementos e experiencias profesionais.

Entre os temas abordados destacou, en primeiro lugar, o impacto da transición dixital no exercicio profesional da psicoloxía, prestando especial atención aos retos e oportunidades que supón a incorporación da intelixencia artificial na práctica psicolóxica. Neste sentido, ambas institucións coincidiron na importancia de analizar de forma conxunta as implicacións éticas, profesionais e formativas destas novas ferramentas.

En segundo lugar, a reunión tamén permitiu reflexionar sobre o exercicio profesional e o benestar das e dos profesionais da psicoloxía, abordando os riscos psicosociais asociados á práctica profesional e a necesidade de promover iniciativas que contribúan ao coidado e á saúde psicolóxica das e dos profesionais.

Este primeiro encontro supón un paso inicial para o desenvolvemento de futuras accións conxuntas, que poderán materializarse en actividades formativas, espazos de reflexión profesional e proxectos de investigación compartidos, reforzando así a colaboración transfronteiriza no ámbito da psicoloxía.

Visita OPP ao COPG