Baixo o lema “En rede contra o acoso: na rede protexemos, na rede coidamos”, a Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia pon en marcha unha campaña de sensibilización coincidindo co 2 de maio, Día Internacional contra o Acoso Escolar. A iniciativa busca visibilizar esta problemática e promover a implicación de toda a comunidade educativa —alumnado, familias e profesorado— na súa prevención e abordaxe.
No marco desta campaña, relánzase a guía «Axúdalle fronte ao acoso escolar», incorporando contidos actualizados sobre o ciberacoso, un fenómeno cada vez máis presente nas contornas dixitais nas que se desenvolven nenos, nenas e adolescentes. Este material, elaborado por profesionais da propia Sección, ten como obxectivo ofrecer orientación e apoio ás familias.
Este tríptico proporciona información clara sobre as sinais de alerta que poden indicar que un neno ou nena está a sufrir esta problemática, tanto a nivel físico, psicolóxico como social. Ademais, inclúe recomendacións prácticas para as familias, facendo fincapé na importancia de escoitar sen xulgar, crear un clima de confianza e acompañar emocionalmente aos menores, así como pautas de actuación en coordinación co centro educativo.
A campaña reforza mensaxes como “Non te rendas ao acoso” ou “Falar do acoso é terapéutico”, poñendo o acento na importancia de romper o silencio e actuar tamén nos espazos dixitais, onde o apoio e o coidado mutuo son fundamentais.
Neste contexto, a guía constitúe unha ferramenta de gran utilidade para detectar de maneira temperá posibles casos de acoso e fomentar valores como o respecto, a empatía e a convivencia positiva nos centros educativos.
Con esta iniciativa, o COPG, a través da Sección de Psicoloxía Educativa reafirma o seu compromiso coa promoción do benestar emocional e a saúde mental na infancia e adolescencia, subliñando o papel esencial da psicoloxía na loita contra o acoso escolar e na construción de contornas educativas máis seguras, inclusivas e respectuosas.
