O 11 de maio o Consejo General de la Psicología de España presenta na praza de Pedro Zerolo (Madrid) a súa campaña «Tenemos que hablar de esto», co obxectivo de chamar a atención e concienciar sobre a necesidade de que se ofrezan recursos para atender problemas de saúde mental con urxencia e de que se garanta que usuarios e usuarias son atendidas pro profesionais cualificados, con competencias e que lles ofrezan garantías.

Mª Rosa Álvarez, decana do COPG, na presentación da Campaña «Tenemos que hablar de esto»
A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada está presentando a campaña, xunto con membros do Consejo General de la Psicología e outros Colexio Oficiais de Psicoloxía de España, onde se contará cun espazo para a que a cidadanía que queira, poida achegarse a preguntar e resolver algunhas dúbidas sobre a saúde mental e a atención psicolóxica.
Segundo o último informe do Instituto de Medicina Legal de Galicia, correspondente ao ano 2021, morreron por suicidio 331 persoas dos 901 falecementos que investigaron. Esta cifra aumentou un 7,8% en comparación co ano 2020 e un 4,8% con respecto ao 2019, sendo A Coruña a provincia que máis suicidios rexistrou desde o 2012. Por outra banda, as dúas grandes demandas da profesión, a presenza de profesionais da psicoloxía nos centros educativos así como a dotación de recursos e psicólogos e psicólogas clínicas en atención primaria, continúan sen cumprirse. Isto, xunto coa falta de garantías no que respecta a accesibilidade de atención psicolóxica por parte da cidadanía supón unha grande eiva na atención á saúde mental da comunidade.

Mª Rosa Álvarez, decana do COPG, xunto con Francisco Santolaya, presidente do Consejo General de la Psicología
Tendo en conta estas cifras con respecto a saúde mental dentro da comunidade e no resto do Estado, o Consejo General de la Psicología (COP) pon en marcha esta campaña na que se tratarán temas de saúde mental, autoimaxen, ansiedade e depresión, benestar no traballo e a importancia que supón poñerse en mans de profesionais colexiados.
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) estará colaborando ao longo do 2023 con esta campaña, a través da cal se lanzarán diferentes accións de comunicación poñendo enriba da mesa os números sobre saúde mental e a necesidade de contar con profesionais titulados e colexiados que poidan enfrontalos.
Galicia conta con máis de 3.600 psicólogos e psicólogas colexiadas no COPG, mais a alta demanda xerada tras a pandemia, xunto cos conflitos armados, a precariedade económica e a maior toma de conciencia sobre a propia saúde, fixo que proliferaran ofertas de atención e desenvolvemento persoal que prometen axudar con ferramentas non avaladas pola evidencia científica. Isto supón un grave risco para a saúde das persoas e, polo tanto, da saúde pública, posto que son servizos realizados por persoas que non contan coas competencias esixidas polas autoridades sanitarias para atender estes problemas e situacións.
Os diferentes materiais da campaña serán distribuídos a través da web do Consejo General de la Psicología desde o 11 de maio: www.cop.es/tenemosquehablardeesto.
Así mesmo, o xornal 20 minutos lanzou un especial adicado á campaña que se pode ver no seguinte enlace.