Destacado

Achegas
O COPG entrega os seus galardóns o 20 de maio en Rianxo

O venres 20 de maio, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia fará entrega dos seus principais galardóns e recoñecementos no acto institucional «Achegas da Psicoloxía», que terá lugar no Pazo de Rianxiño (Rúa María Ana Mogas, 2), en Rianxo, ás 18 horas.

O Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM) recollerá o Premio “Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade 2022” polo seu compromiso co coidado da saúde mental da comunidade e a defensa dos dereitos á atención nos servizos públicos. Trátase do galardón máis relevante do COPG, creado en 2009 para distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da nosa profesión. Ademais, farase entrega dos I Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira, que convocou o COPG en 2022 en colaboración coa aseguradora Brokers’88, co que pretende recoñecer o labor divulgativo da Psicoloxía tanto por profesionais do xornalismo como polos propios colexiados e colexiadas.

María Isabel Pereira (5ª esq.), vicepresidenta da Xunta Reitora do COPG, nunha xuntanza na sede da Praza do Toural (1992-1995).

Tamén se entregará a distinción de Colexiada de Honra, que nesta ocasión a Asemblea Xeral de Colexiados e Colexiadas do COPG acordou conceder a María Isabel Pereira Calviño, co que se pretende significar a súa entrega extraordinaria tanto á nosa institución como ao desenvolvemento da profesión da Psicoloxía en Galicia. Tamén se efectuará un recoñecemento aos colexiados e colexiadas que levan 25 anos de vida colexial. 

Premio Dolores Llópiz
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia creou o Premio Dolores Llópiz hai once anos, para render homenaxe pública a aquelas figuras que tiveran colaborado activamente co campo da psicoloxía. O nome do galardón correspóndese co da psicóloga finada Dolores Llópiz Pereiro, que participou no COPG durante unha década, formando parte da Xunta de Goberno, da Comisión Deontolóxica e da Área de Psicoloxía Educativa.

Recibiron o galardón en anos anteriores:

  • 2020/21. Uxía (cantautora)
    Polo seu compromiso coa dignidade humana, coas problemáticas sociais e coa cultura galega nas súas múltiples disciplinas creativas.
  • 2019. Ángel Carracedo (científico). 
    Polo seu papel como investigador e divulgador científico, polas súas contribucións no ámbito da neuropsicoloxía, o que o sitúa como un referente internacional
  • 2018. Amelia Valcárcel Bernaldo de Quirós (filósofo)
    Polo seu papel como «mestra» da teoría política feminista na nosa sociedade, sen perder de vista outras realidades moito máis duras no planeta. Ademais das súas contribucións como docente e filósofa a unha defensa da ética profesional e do compromiso social a través do seu exercicio.
  • 2017. Fundación Andrea
    Pola súa labor coa infancia en Galicia, apoiando ás familias de nenos e nenas que padecen enfermidades longas ou crónicas.
  • 2016. Rede Galega de Loita contra a Pobreza
    Polo seu traballo por colectivos en situación de vulnerabilidade e dar voz ás persoas que sofren con virulencia as consecuencias da exclusión e que non atopan outra posibilidade de representación.
  • 2015. Eduard Punset (divulgador científico)
    Polo seu labor achegando profesionais e estudos internacionais sobre o comportamento humano, a neuropsicoloxía e as emocións, para comprender mellor o desenvolvemento da persoa.
  • 2014. Veciñanza do barrio de Angrois
    Polo seu comportamento xeneroso, exemplar e altruísta que axudou a salvar vidas no tráxico accidente do tren Alvia acontecido en Santiago de Compostela a noite do 24 de xullo de 2013.
  • 2013. José Luis Sampedro Sáez (escritor e humanista)
    Pola súa sensibilidade, o seu compromiso social, as súas reivindicacións, a súa coherencia e actitude persoal, e polas súas palabras cun enorme poder de visualización e defensa da dignidade humana.
  • 2012. Gemma Nierga (xornalista)
    Polo compromiso e a sensibilidade demostrados no seu traballo, contribuíndo á visibilización e á desestigmatización da enfermidade mental ou de persoas na prisión.
  • 2011. Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica
    Polas súas valiosas achegas ao coidado e á recuperación da memoria histórica, un acto de xustiza fundamental para dignificar as persoas e os pobos.
  • 2010. Carlos Varela García (Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia)
    Por ter contribuído desde a súa profesión a avanzar cara a unha sociedade máis xusta
    e igualitaria a través das iniciativas que promove e polo seu enfoque da intervención
    en problemáticas de carácter social.
  • 2009. Joel Gómez (xornalista)
    Pola súa contribución á sensibilización social coa divulgación da psicoloxía a través dos medios de comunicación desde hai moitos anos, pola súa dedicación e a súa entrega.

Por motivos organizativos, cómpre comunicar a asistencia no correo copgalicia@copgalicia.gal ata o día 18 de maio.

Spread the love