O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo unha xuntanza coa decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), Mª Rosa Álvarez Prada, co obxectivo de facer seguimento das actuacións do SERGAS en materia de saúde mental. Durante o encontro, abordáronse os avances no deseño da implementación da prestación de Psicoloxía Clínica en Atención Primaria, así como o desenvolvemento do próximo Plan Estratéxico de Saúde Mental, no que esta medida se enmarca.
Na reunión participaron tamén, por parte da administración sanitaria, a subdirectora xeral de Saúde Mental, Almudena Díaz Pereira, e a xefa do Servizo de Saúde Mental, Yolanda Triñanes. En representación do COPG asistiron José Berdullas, vogal da Xunta de Goberno, e Xacobe Fernández, presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde.
Desde o Colexio de Psicoloxía trasladáronse demandas históricas da profesión, como a necesidade de incrementar o número de profesionais no sistema público para garantir unha atención adecuada á cidadanía, así como a creación de servizos específicos de Psicoloxía Clínica. Outras cuestións destacadas foron a importancia de seguir avanzando na estratexia de prevención do suicidio e na mellora da atención á poboación infantil e xuvenil, coincidindo ambas institucións na súa urxencia.
Tanto o COPG como a Consellería de Sanidade amosaron a súa disposición a continuar cooperando para optimizar a asistencia sanitaria no ámbito da saúde mental.