Máis de 17.000 persoas seguen algún dos perfís dos Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia en redes sociais como parte da súa estratexia de comunicación dixital, coa finalidade de mellorar a proximidade coa colexiación, aumentar a difusión da psicoloxía na sociedade galega e reforzar o papel institucional do Colexio como referente profesional. Esta presenza múltiple facilita o acceso á información, á participación e ao diálogo con profesionais e cidadanía.
Na actualidade, o COPG mantén actividade nas plataformas Facebook, Instagram, X, LinkedIn, YouTube, Bluesky e WhatsApp, canles que permiten adaptar os contidos a públicos diversos e a diferentes obxectivos comunicativos: información institucional, divulgación, sensibilización social, promoción da formación continua e visibilización do labor profesional da psicoloxía.
A presenza dixital do COPG supera actualmente as 17.000 persoas subscritas ou seguidoras nas distintas plataformas. A súa distribución reflicte unha comunidade ampla e consolidada: Facebook concentra o 40 %, seguido de X, co 24,9 %, o que confirma o peso destas plataformas como principais canles de difusión institucional. Instagram representa o 19 % da comunidade dixital, mentres que LinkedIn supón o 12 %, consolidándose como un espazo relevante para a proxección profesional e institucional do Colexio. A canle de WhatsApp representa xa o 2,6 % da comunidade dixital e configúrase como unha ferramenta estratéxica de comunicación directa e inmediata. Pola súa banda, as canles YouTube (1,2 %) e a máis recente, Bluesky (0,5 %) funcionan como soportes complementarios.
A presenza en redes sociais permite ao COPG ofrecer unha comunicación máis áxil, directa e accesible, facilitando o acceso inmediato a información relevante: actividades formativas, xornadas e congresos, comunicados oficiais, campañas de sensibilización, posicionamentos institucionais e recursos de interese para a práctica profesional.
Estas canles constitúen tamén unha ferramenta clave para achegar a psicoloxía á cidadanía, difundindo contidos divulgativos rigorosos, promovendo o coidado da saúde mental e contribuíndo á loita contra o estigma asociado aos problemas psicolóxicos. Con esta aposta pola presenza dixital, o COPG reafirma o seu obxectivo de estar máis preto da colexiación e da cidadanía, contribuíndo a unha maior visibilidade social da psicoloxía e ao reforzo do seu papel como axente activo na promoción da saúde mental en Galicia e da accesibilidade á psicoloxía.
