Destacado

Entrada do COPG
O COPG avanza no proceso de dixitalización coa implementación dunha nova política de xestión documental e a conservación do arquivo histórico da man de Unayta

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia concluíu en 2024 un ambicioso proceso de deseño e implementación dunha política de xestión documental coa intención de garantir a preservación da memoria colexial, que agora cumpre 45 anos de existencia; así como optimizar os procesos de xestión administrativa.

Esta actuación realizada por UNAYTA completa o proceso de dixitalización comezado hai cinco anos, co deseño dunha sede electrónica propia e co recoñecemento do COPG como Autoridade de Rexistro para a emisión de certificados dixitais, que permite que as persoas colexiadas poidan identificarse e asinar mediante a sinatura electrónica cualificada.

O proceso que deu lugar á actual Política de Xestión Documental foi desenvolto pola empresa UNAYTA, consultora tecnolóxica especializada en Dixitalización Documental e na implementación de proxectos de Oficina Sen Papel. O COPG cumpre así co compromiso coa propia organización colexial e coa sociedade en xeral de crear un sistema de xestión documental de excelencia capaz de garantir os dereitos da institución, os/as profesionais e as persoas usuarias dos seus servizos.

No marco desta actuación, realizouse unha profunda intervención no arquivo documental, cunha dixitalización dunha parte importante dos fondos, que permite que o histórico en papel pase  a ser documentos auténticos, fiables, íntegros e con fácil dispoñibilidade para as persoas interesadas.  Grazas ao protocolo de dixitalización, preténdese facilitar a integración de todas as ferramentas de administración electrónica e sistemas de información usados polo COPG, así como impulsar a utilización do Arquivo Único Dixital, como repositorio electrónico documental do COPG.

Este proceso que se desenvolveu ao longo do 2024, implicou tamén a formación e capacitación do equipo administrativo do COPG, á hora de implementar a actual política de xestión documental. Para iso, desde UNAYTA tamén se elaborou un protocolo de actuación para a xestión de expedientes e documentos de arquivo, no que se contemplan as diferentes fases da tramitación dos elementos no histórico, tanto en soporte papel como electrónico.

Spread the love