Destacado

Imaxe: Xunta de Galicia
O COPG asina un convenio de colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia para a atención psicolóxica ao profesorado

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) asinou un convenio de colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia co obxectivo de participar na posta en marcha da futura Oficina de Apoio ao Profesorado. Na sinatura estiveron presentes o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada, xunto con outros membros institucionais. Por parte do COPG, asistiron tamén Hipólito Puente Carracedo, vicedecano da Xunta de Goberno e María Begoña Castro Iglesias, vogal da Xunta de Goberno e presidenta da Sección de Psicoloxía Educativa.

Este acordo permitirá que profesionais da psicoloxía presten apoio, asesoramento e acompañamento ao persoal docente que recorra a este novo servizo ante dificultades derivadas do exercicio da súa profesión. A colaboración contribuirá a reforzar o benestar emocional do profesorado e a mellorar as ferramentas de afrontamento do estrés laboral e outras problemáticas asociadas ao ámbito educativo.

Ademais, no marco deste convenio impulsarase a formación do profesorado en aspectos relacionados co autocuidado, a prevención do malestar psicolóxico e a promoción da saúde mental nos centros educativos.

Por outra banda, o COPG tamén colaborará no asesoramento aos centros educativos para a atención ao alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa, facilitando orientación e formación específica sobre a intervención en dificultades emocionais e psicolóxicas.

O obxectivo desta iniciativa é contribuír a un sistema educativo máis saudable, fortalecendo tanto o papel do profesorado como a atención integral ao alumnado, e promovendo unha maior sensibilización sobre a importancia da saúde mental no ámbito educativo.

 

Imaxe: Xunta de Galicia