
Pedro Santamaría Gargamala
A soidade non desexada e o idadeísmo constitúen dous dos principais factores que comprometen a saúde mental das persoas maiores, especialmente nunha comunidade tan envellecida como Galicia. Así o explica Pedro Santamaría, coordinador do Grupo de Envellecemento da Sección de Psicoloxía da Intervención Social do COPG, nunha reportaxe publicada por El Correo Gallego.
Segundo o psicólogo, a perda da rede social e os cambios propios do proceso de envellecemento poden incrementar o risco de problemas emocionais, mentres que o idadeísmo favorece o illamento ao transmitir unha imaxe das persoas maiores como menos válidas ou con menor capacidade para contribuír á sociedade. Esta combinación repercute directamente no seu benestar psicolóxico e na súa calidade de vida.
Pedro Santamaría tamén chama a atención sobre a elevada incidencia do suicidio neste grupo de idade e lembra que as persoas maiores concentran unha porcentaxe moi significativa destas mortes en Galicia. Neste contexto, defende a necesidade de reforzar as actuacións preventivas, combater o illamento social e promover unha visión máis activa e positiva do envellecemento.
Desde o COPG sublíñase a importancia de impulsar redes de apoio, fomentar a participación social e desenvolver intervencións psicolóxicas especializadas que favorezan o benestar emocional das persoas maiores, contribuíndo así a un envellecemento máis saudable e a unha mellor calidade de vida.
