Comisións

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reclama que se contemplen tamén outras violencias contra a muller fóra da parella como violencia de xénero
Non a violencia de xénero

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) reclama que se amplíe a normativa en materia de violencia de xénero para incorporar outras violencias que sofren as mulleres polo feito de seren mulleres sen que medie unha relación sentimental co agresor, tal e como se recolle no Convenio de Istambul.

O falecemento de Jéssica Méndez, en Barro (Pontevedra) nun accidente de tráfico investigado como homicidio doloso, deixa ver unha importante falla do sistema, xa que segundo a información feita pública pola súa familia, foi provocado polo home que levaba acosándoa prolongadamente. É dicir, resultaría ser un caso de violencia machista que debera contar coa asistencia especializada e a protección que se demostrou precisa, mais que non está contemplado na lexislación por non existir relación sentimental entre ambos os dous.

O Convenio de Istambul, que ratificou o Goberno de España en 2014, e o Pacto de Estado contra a Violencia sobre a Muller, coinciden en que cómpre considerar violencia contra as mulleres todos os actos de violencia baseados no xénero. A lexislación, tanto estatal como autonómica, ten previstos toda unha serie de recursos e mecanismos tanto de protección como asistenciais para as vítimas de violencia de xénero, incluída a atención psicolóxica especializada.

A recollida estatística doutros feminicidios fóra da parella ou ex parella é determinante para poder artellar medidas de protección e asistenciais ás vítimas, que tamén é outra das obrigas derivadas tanto do Convenio de Istambul como do citado Pacto de Estado.

A violencia intrafamiliar non recolle o acoso

Este presunto homicidio conduce á reflexión sobre a necesidade de continuar sensibilizando ao redor do que é a violencia de xénero. Demostra tamén o ineficaz de tentar volver a conceptos como violencia doméstica ou violencia intrafamiliar, que suporía un retroceso lexislativo, social e asistencial, xa que obviaría o factor do xénero, que é determinante e que permite actuar de maneira específica e especializada sobre elas. Unha actuación que abrangue desde a sensibilización, a prevención, ata a intervención ou as medidas de reparación e asistenciais, entre elas a imprescindible atención psicolóxica.

A lexislación galega (Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero) xa incorporou importantes avances na cobertura doutro tipo de violencias, como a violencia vicaria (a que se exerce a través dos fillos e fillas perseguindo facerlle o maior dano posible á nai), a trata con fins de explotación sexual ou a violencia de xénero dixital. Cómpre continuar traballando co obxectivo de que as institucións ofrezan a mellor resposta asistencial posible ás vítimas da violencia de xénero, á vez que previr e sensibilizar nas distintas violencias machistas, tamén desde as idades máis temperás.

Spread the love
Non a violencia de xénero