Este mércores 26 de novembro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) volveu reclamar á Consellería de Educación a incorporación estable de profesionais da Psicoloxía nos centros educativos, despois de presentar os resultados do Estudo PsiCE, unha investigación que evidencia o impacto positivo das intervencións psicolóxicas estruturadas no alumnado.
A decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada, e o vicedecano, Hipólito Puente Carracedo, reuníronse co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, e coa directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa, para abordar a crecente preocupación pola saúde emocional da mocidade e a falta de recursos especializados nos centros.
Durante a xuntanza, a entidade profesional presentou os resultados do Estudo PsiCE, promovido polo Consejo General de la Psicología e realizado en colaboración cos colexios autonómicos. A investigación analizouse a eficacia do Protocolo Unificado para Adolescentes (UP-A) como ferramenta preventiva fronte a síntomas subclínicos de ansiedade e depresión.
O estudo, no que participaron 676 adolescentes de 11 a 18 anos tras un cribado inicial de case 9.000 estudantes, comparou o impacto do UP-A cun programa de relaxación progresiva, avaliando os cambios antes e despois da intervención e nos seguimentos de 6 e 12 meses. As conclusións son contundentes: mellora do benestar emocional, aumento do rendemento académico, redución de conflitos de convivencia e maior capacidade de detección temperá de problemas de saúde mental.
O COPG trasladou tamén á Consellería o incremento das solicitudes de apoio recibidas desde centros educativos, que afrontan casos cada vez máis complexos relacionados con ansiedade, risco suicida, acoso escolar, violencia, abuso sexual ou dificultades de adaptación; que superan amplamente os recursos dispoñibles nos equipos docentes e de orientación, que non poden asumir en solitario atencións que requiren formación sanitaria especializada.
O COPG reiterou a súa total disposición para colaborar na definición dun modelo organizativo, competencial e de coordinación que permita unha implantación ordenada e eficaz desta figura profesional nos centros.
