Seccións

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reclama a incorporación urxente da psicoloxía educativa nos centros de ensino

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia insiste na demanda ao goberno galego para que incorpore de xeito estrutural a figura do psicólogo ou psicóloga educativa en todos os centros de ensino, como parte esencial do sistema educativo responsable de atender a saúde mental e o benestar psicolóxico do alumnado.

Noutros países europeos, como Portugal, Dinamarca, Alemaña ou Suecia, hai anos que este perfil ten o seu espazo propio no sistema educativo, onde se atende o benestar psicolóxico como un elemento básico para unha aprendizaxe eficaz e integral da persoa. No caso galego, non está recollido este perfil e outros, como o da orientación educativa ou o da coordinación de benestar, non teñen as mesmas competencias e presentan limitacións, como é a formación específica e a capacitación para intervir en problemas de tipo psicolóxico ou a carga laboral excesiva polas altas ratios.

O informe da auditoría do Consello de Contas sobre as actuacións do SERGAS no ámbito da saúde mental chamaba a atención sobre o crecemento no consumo de ansiolíticos e antidepresivos por parte dos menores de 19 anos, que incrementaran a súa prescrición nun 52% entre 2019 e 2023. Son máis de 11.000 nenos, nenas e adolescentes ata os 15 anos que consomen este tipo de tratamentos cada día en Galicia.

Unha das maiores contribucións da psicoloxía educativa é a prevención, a capacidade de abordar problemáticas en estadios temperáns e evitar que se convertan en trastornos con consecuencias máis graves. Esta intervención permite detectar precozmente alteracións emocionais, condutuais, sociais ou de aprendizaxe e actuar antes de que se cronifiquen. Isto protexe o benestar do alumnado e reduce o gasto futuro por intervencións sanitarias, absentismo ou fracaso académico.

A psicoloxía educativa promove a saúde psicolóxica desde a base, dentro da aula e no día a día do alumnado. Ademais, contribúe activamente á prevención do acoso escolar, das violencias machistas, dos trastornos da conduta alimentaria, das autolesións ou da conduta suicida. Tamén mellora a convivencia, a resolución de conflitos, a mediación, a inclusión do alumnado con necesidades específicas; ao tempo que asesora as familias e docentes. Participa na planificación de programas de educación emocional ou de adaptación curricular, ofrecendo asesoramento aos equipos docentes e ás familias, axudando a manexar situacións complexas e a adaptar estratexias para alumnado con trastornos de conduta ou dificultades por trastornos de aprendizaxe ou neurodiverxentes, como o TDAH, o TEA, a dislexia ou a discalculia, entre outros.

É un reforzo en situacións de especial vulnerabilidade, como son as situacións de dó. De feito, na actualidade, cando ocorre un episodio crítico relacionado cun centro educativo (por exemplo, un falecemento ou un accidente grave que impacta seriamente na comunidade educativa), é o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, o GIPCE, que intervén nesta circunstancia ao abeiro dun convenio co 112. Unha intervención breve e limitada ao contexto da emerxencia, que debería ser atendida e obxecto de seguimento por un perfil da psicoloxía educativa que tivese un vínculo coa comunidade educativa e coñecese as súas necesidades.

Numerosos estudos internacionais e tamén nacionais, como o Estudo PSIcE, sobre a psicoloxía baseada na evidencia en contextos educativos, promovido polo Consejo General de la Psicología de España e no que participou o COPG, teñen demostrado a importancia e a utilidade de promover o benestar psicolóxico e a prevención dos problemas de saúde mental en nenos, nenas e adolescentes, como un compoñente esencial na saúde das persoas, presente e futura.

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia facemos un chamamento urxente para a integración de políticas de saúde mental nos centros de ensino que estean executadas e lideradas por profesionais da psicoloxía, como disciplina científica experta no ámbito da conduta humana, das emocións, do desenvolvemento evolutivo, dos factores de risco psicosocial e con capacidade para detectar precozmente trastornos, así como para aplicar técnicas de intervención de xeito individual e grupal, con seguridade e de acordo cun código ético e deontolóxico.

A psicoloxía educativa traballa desde un enfoque integral e preventivo, que ademais de contemplar as dificultades académicas, incorpora aspectos emocionais, sociais e familiares que afectar ao rendemento e á saúde mental do alumnado. Polo tanto, non interfire con outros perfís educativos xa presentes no centro, senón que os complementa a través da intervención psicolóxica que só pode ser realizada por profesionais da psicoloxía.

Investir en saúde mental nas escolas, colexios e institutos non é un gasto, senón un investimento no futuro, polo que a Xunta de Galicia ten a responsabilidade de atender esta demanda amplamente compartida pola comunidade educativa e recoñecer de xeito normativo este perfil como estrutural no ensino. Un alumnado emocionalmente estable rende mellor, presenta menos conflitos e desenvolve competencias clave para a súa vida adulta. O benestar psicolóxico dos nenos, nenas e adolescentes non pode seguir sendo unha materia pendente no sistema educativo galego.