O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) publicou o seu Resumo anual de actividade de 2025, un documento que recolle os fitos máis destacados dun ano marcado polo 45º aniversario da institución e por un crecemento constante da colexiación. Segundo os datos do informe, o COPG pechou o exercicio con 4.042 colexiados e colexiadas en activo, o que supón un incremento de 180 profesionais respecto ao ano anterior.
Durante o 2025, o Colexio mantivo unha intensa actividade reivindicativa ante a Administración Pública: o COPG incorporouse ao Consello Técnico de Atención Primaria e realizou unha demanda constante ante a Administración sanitaria da necesidade de implantar un novo Plan Estratéxico de Saúde Mental para Galicia. No ámbito educativo, o COPG presentou á Consellería de Educación os resultados do Estudo PsiCE, que avala melloras no benestar emocional do alumnado mediante a intervención psicolóxica, e alertou sobre o incremento de casos de ansiedade, risco suicida e acoso escolar nos centros.
Doutra banda, a loita contra o intrusismo profesional foi unha prioridade, iniciándose 22 expedientes por intrusismo (un 70% máis que o ano anterior) e impulsando a campaña de sensibilización «A túa saúde mental non é un xogo». Este lema será, precisamente, o que guíe a actividade da institución durante o vindeiro ano 2026.
O resumo tamén destaca a entrega do Premio Dolores Llópiz, Psicoloxía e Sociedade, ao músico James Rhodes polo seu activismo en favor da saúde mental e os dereitos da infancia. No plano formativo, o COPG organizou unha trintena de cursos con máis de 1.200 participantes, combinando as modalidades presencial e en liña.
Con este documento, o COPG reafirma o seu papel como referente da psicoloxía en Galicia, traballando para que a atención profesional sexa cada vez máis accesible e recoñecida pola sociedade.
