O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) estivo presente no XIII Congreso Iberoamericano de Psicoloxía e VI Congreso da Ordem dos Psicólogos Portugueses, que se celebrou entre os días 25 e 27 de setembro no Centro Cultural de Belém, en Lisboa. O evento, organizado pola Federación Iberoamericana de Agrupacións e Colexios de Psicoloxía e pola Ordem dos Psicólogos Portugueses, reuniu a máis de 2800 profesionais de 22 países, converténdose nun importante espazo de reflexión e análise sobre os retos actuais e futuros da psicoloxía, fomentando o diálogo entre profesionais de diferentes contextos culturais e científicos.
Durante o Congreso, que incluíu centos comunicacións, pósters, mesas de debate e conferencias, o COPG tivo unha participación activa:

Mª Rosa Álvarez Prada e Dolores Timanfaya Hernández Martínez
Mª Rosa Álvarez Prada, Decana do COPG e coordinadora da Área de Psicología e Igualdad de Género do Consejo General de la Psicología de España, e Dolores Timanfaya Hernández Martínez, Vicedecana do Colegio Oficial de la Psicología de Madrid e membro do Grupo de Trabajo interno del Área de Psicología e Igualdad de Género, presentaron a comunicación “Violencia de género y atención psicológica: la situación en España”, unha reflexión sobre a importancia dun enfoque integral da violencia de xénero desde o prisma da psicoloxía, defendendo un cambio de paradigma no que se aposte pola prevención e pola promoción da cultura do bo trato.

Ana Mª Núñez Rubines e Javier Torres Ailhaud
Ana Mª Núñez Rubines, vogal da Xunta de Goberno do COPG e coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), e Javier Torres Ailhaud, Decano do Colegio Oficial de Psicología de las Islas Baleares e coordinador da Área de Intervención Psicológica en Emergencias y Catástrofes do Consejo General de la Psicología de España, presentaron a comunicación “Guía de Recomendaciones de Buenas prácticas en Intervención Psicológica en emergencias” elaborada polo grupo de traballo estatal que elaborou dita guía.

Eva Muíño Gómez
Eva Muíño Gómez, vogal da Xunta de Goberno do COPG e coordinadora do Grupo de Tráfico e da Seguridade, presentou o póster “El modelo español: Perfil de los/as profesionales de la psicología del tráfico y de la seguridad” como coordinadora da División de Psicología del Tráfico y de la Seguridad do Consejo General de la Psicología de España.